Xinzo Adiante reclama equiparación salarial do funcionariado galego con Cataluña e Euskadi

Manuel Pérez, Francisca Rodríguez e Xosé Miguel Barrios, concelleiros de Xinzo Adiante
Xinzo Adiante reclama equiparación salarial do funcionariado galego con Cataluña e Euskadi

Así mesmo, solicitan que se atendan as reivindicacións do funcionarado de xustiza por parte da Xunta de Galicia.

Xinzo Adiante rexistrou dúas mocións para ser tratadas no vindeiro pleno:

Unha delas para instar á Xunta de Galicia a negociar coas organizacións sindicais con representación entre o persoal de Xustiza para acadar unha equiparación dos salarios e complementos do persoal da Administración xudicial de Galiza cos dos seus homólogos noutras Comunidades Autónomas; acadar un acordo para que non exista discriminación no ámbito xudicial na percepción de complementos salariais por incapacidades temporais ou similares; repoñer as prazas amortizadas dende o ano 2012, así como a consolidación das prazas de reforzo que leven máis de tres anos exercendo.

Cabe lembrar que Xinzo de Limia é sede de partido xudicial e que na anterior lexislatura autonómica o Partido Popular intentou facer unha reforma da Xustiza que resultaba moi lesiva para os intereses do noso municipio. Dita reforma foi paralizada grazas á mobilización política, sindical e social.

As organizacións sindicais convocaron unha folga indefinida a partir do día 7 de febreiro no sector da Xustiza, un ámbito especialmente sensible para a cidadanía, que padeceu a acumulación de retrasos debido aos recortes dos últimos cinco anos, nos cales non houbo reposición de prazas amortizadas. Así, veñen existindo situación de exceso de traballo, colapso e moitos problemas para conseguir unha xustiza efectiva que garanta o restablecemento dos dereitos das persoas afectadas. Consideramos urxente e de xustiza atender as demandas dos traballadores deste ámbito.

A outra moción solicita a equiparación salarial de todo o funcionariado galego cos seus homólogos de Catalunya e Euskadi.

Cómpre lembrar que o Senado vén de aprobar unha moción instando á equiparación salarial en tres anos (ata 2020) da Garda Civil e da Policía Nacional cos Mossos de Escuadra e a Ertzaintza. Do mesmo xeito, o goberno do estado en palabras do Ministro do Interior, vén de recoller as reivindicacións dos membros dos devanditos corpos e manifestou a vontade do executivo de acceder a esta petición de equiparación salarial.

En Galicia, os funcionarios/as sitúanse na parte inferior da táboa, en canto a percepcións salariais se refire, respecto ao resto de territorios do Estado. Mesmo no caso de funcionarios de carreira nomeados polo propio Estado –sanidade, educación...- igual que acontece cos Policías Nacionais e cos Gardas Civís, a brecha salarial cos funcionarios doutras comunidades é descomunal, principalmente no que se refire a complementos salariais, antigüidade e desempeño de cargos.

Desde Xinzo Adiante consideramos válido o principio de que \“a igual traballo, mesmo salario\” e acollemos con satisfacción que o Senado e o Goberno do estado accedan á equiparación salarial de todos os corpos de seguridade do estado. Xa que logo, parece razoable que a devandita equiparación salarial se estenda ao funcionariado do resto de sectores; do contrario suporía unha discriminación, non xa entre funcionarios de territorios distintos, senón entre funcionarias/as dependendo do sector no que traballen.

Ademais, na propia Constitución Española Galicia é recoñecida como unha nacionalidade histórica –ao mesmo plano que Euskadi e Catalunya- polo que este recoñecemento en plano de igualdade se debería aplicar a todos os ámbitos.