XINZO ADIANTE denuncia a chapuza acometida polo concello na rúa da Igrexa

Rúa igrexa 4
XINZO ADIANTE denuncia a chapuza acometida polo concello na rúa da Igrexa

Hai meses, o grupo de (des)goberno do PP anunciaba a tan esperada e precisa reforma da Rúa da Igrexa. Unha vez acometida esta obra, o resultado deixa moito que desexar. Nun primeiro momento, instalaron unha serie de pivotes para evitar que os coches aparcasen –como sempre fan- de forma irregular nesa rúa. Estes pivotes foron arrincados e no seu lugar puxeron uns bloques de granito a modo de banco, coa mesma función de impedir o estacionamento dos coches.

Porén, tal e como están situados, convertéronse nunha barreira arquitectónica, pois o espazo que hai entre estes bloques e a parede dos edificios dificulta que as persoas en cadeira de rodas ou os carros de bebé poidan transitar comodamente e obríganos a facelo pola calzada por onde circulan os coches. Do mesmo xeito, no caso de que alguén queira sentar neses bancos, corre o perigo de ser atropelado por un coche. Xa que logo, o resultado desta obra é outra chapuzada do PP, desta volta en forma de barreira arquitectónica.

Despois de varios meses da toma de posesión do flamante retornado concelleiro de obras, que pretendía facer “prosperar” Xinzo e cuxo voto para que o PP manteña a súa maioría absoluta nos custa 1900 euros ao mes por 14 pagas máis gastos, o que podemos observar é algo que xa supuñamos desde o principio. Este señor non ten nin idea de obras e, como o resto de compañeiros de goberno, só se move polos seus propios intereses persoais.

555De feito, mentres as beirarrúas de Xinzo están destrozadas, as obras que se realizan son chapuzas, a vila está cada vez máis sucia, a recuperación económica non chega, perdemos poboación e a xente moza ten que emigrar porque aquí non atopa traballo... os señores do PP que teñen maioría absoluta e liberdade total para adoptar as decisións de goberno que consideren- andan metidos nas súas liortas internas polo poder e teñen o concello sumido nun desgoberno caótico. Non lles importan as persoas, senón manterse no poder a toda costa, poida que para manter o seu posto de traballo na vila e non ser trasladado/a, para manter o posto de traballo dalgún familiar enchufado/a noutras institucións, ou por outras motivacións que descoñecemos. O que queda claro despois de tres anos de lexislatura é que Xinzo de Limia non prosperou nada: subiron os impostos e taxas, pero nada mellorou e asistimos a un espectáculo bochornoso de loita interna polo poder, que avergoña á veciñanza. As señoras e señores concelleiros do PP e o señor que segue a gobernar desde a sombra deberían pedir perdón aos veciños.