Xinzo aproba a cesión da pista a Vilar de Barrio grazas a unha iniciativa do PSdeG

pistaxinzovilar
Xinzo aproba a cesión da pista a Vilar de Barrio grazas a unha iniciativa do PSdeG

A deputada e voceira, Elvira Lama, celebra a unanimidade e recorda que o principal obxectivo é mellorar a seguridade dos usuarios desta perigosa estrada que atravesa tres concellos.

Un novo logro que repercutirá na mellora dos servizos prestados ós veciños e veciñas. Iso é o que acadaron novamente os socialistas, despois de que o pleno do Concello de Xinzo de Limia aprobase hoxe, co voto favorable do PSdeG-PSOE, PP e Xinzo Adiante, e a abstención do BNG, a integración da estrada OU-P-0000 na rede viaria dependente da Deputación de Ourense. Este traspaso de titularidade ó inventario provincial é fundamental para proceder a deseñar e executar as melloras urxentes de seguridade que require esta vía –ata o de agora en mans dos concellos de Xinzo, Sarreaus e Vilar de Barrio– de 10 quilómetros de lonxitude e que ten unha elevada sinistralidade. Nos últimos oito anos houbo 13 accidentes con cinco vítimas mortais e unha vintena de feridos.

A deputada e voceira, Elvira Lama, recorda que se trata dunha pista "fundamental para as comunicacións destes tres concellos que, ademais, ten unha importante taxa de circulación de vehículos agrícolas e camións". "Co traspaso á Deputación lograremos as reformas necesarias para facer reformas fundamentais e para implantar maiores medidas de seguridade", recorda. "Atallar a elevada sinistralidade e mellorar a seguridade dos usuarios e usuarias é o noso principal obxectivo", recorda a tamén voceira do grupo municipal socialista de Xinzo.

Lama explica que o pleno da Deputación asumiu o pasado mes de xaneiro a responsabilidade de facerse cargo da vía para regularizar a situación, despois de ter coñecemento dun informe da Xefatura de Tráfico no que se concluía a "urxencia" na mellora xeral da seguridade e na instalación de barreiras nas curvas e zonas mais perigosas. A moción tamén insta ós concellos a mellorar a sinalización das numerosas pistas que cruzan perpendicularmente a estrada.