Xinzo e a Baixa Limia entre os máis beneficiados pola Xunta para a promoción da igualdade

igualdade
Xinzo e a Baixa Limia entre os máis beneficiados pola Xunta para a promoción da igualdade

O Centro de Información á Muller de Verín non recibiu subvención por –segundo a Xunta– "incumprimento dos requisitos esixidos".

Un total de 40 concellos da provincia de Ourense van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 540.555 €, para a posta en marcha de iniciativas en tres liñas de actuación: a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres. Estas axudas foron presentadas esta mañá en Ourense pola Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola Delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Cómpre destacar que as entidades locais que reciben máis axudas son –ademáis do concello da capital da provincia– o de Xinzo da Limia, o de Muíños (que presentou a súa solicitude agrupada xunto con Bande, Lobeira e Lobios), a Mancomunidade do Ribeiro e a Mancomunidade de concellos Santa Águeda.

López Abella subliñou que na convocatoria deste ano en Ourense "son máis as entidades locais que presentan unha solicitude conxunta". Este incremento reflíctese sobre todo no programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIMs). Así, este ano no ámbito dos 13 CIMs en funcionamento na provincia ourensá recibirán subvención 12 nos que participan un total de 40 concellos, dos que 35 teñen unha xestión compartida deste servizo fronte a 5 que a teñen individualizada.

Das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 416.556 euros, que se distribúen en 12 centros: Xinzo de Limia, Avión, O Barco, O Carballiño, Maceda, Muíños, Ourense, Pobra de Trives, Viana do Bolo, Mancomunidade Terra de Celanova, Mancomunidade do Ribeiro e Mancomunidade Santa Águeda. Estas subvencións destinaranse ao financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización destes centros. O de Verín non recibiu subvención por "incumprimento dos requisitos esixidos".

A segunda liña, por volume presupostario, é a de fomento da conciliación, con 104.103 euros, destinados ao financiamento de plans e actuacións de "conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras no ámbito local". Nesta liña son 12 as entidades locais que reciben subvención, pero se estende a 13 concellos xa que 11 presentaron a solicitude individual e 2 concellos presentárona conxunta.

Por último, tres concellos ourensáns resultaron beneficiarios das axudas e subvencións da liña de medidas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. O importe destinado a esta liña de actuación ascende a case 20.000 euros.