Xinzo, Bande e Muiños recibirán 198.000 €

Montserrat Lama
Xinzo, Bande e Muiños recibirán 198.000 €

Dos 895.000 aprobados na Xunta de Goberno desta semana da Deputación Provincial

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada onte venres a concesión de subvencións por un valor de 895.721 euros para servizos sociais, emprendemento, cooperacións cos concellos, programas deportivos e actividades culturais. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 21 de xullo.

Concello de Bande, percibirá 20.000 euros para a reforma da iluminación pública en varios núcleos de poboación

Muíños recibirá senllas achegas para a realización de traballos nas piscinas municipais e na contorna do complexo turístico-deportivo do Corgo (60.000 euros), así como para o acondicionamento de catro espazos públicos do municipio (63.000 euros).

Xinzo de Limia, 55.000 euros para a reforma do saneamento nunha rúa da vila.

A Xunta de Goberno resolveu, por outra banda, a convocatoria de subvencións para proxectos de prestación de servizos sociais no presente ano, concedendo algo máis de 262.000 euros a preto de sesenta asociacións e fundacións.

No capítulo deportivo aprobouse unha achega de 71.000 euros para a posta en marcha do programa ESQUIOU 2017, promovido pola Deputación de Ourense en colaboración coa Estación de Inverno de Manzaneda. Este campamento de iniciación ao esquí terá 735 prazas para nenos da provincia de Ourense nados entre 2005 e 2008 e que poderán pasar tres días nestas instalacións de montaña en sete quendas, correspondentes as comarcas de Celanova e Baixa Limia; Allariz-Maceda e A Limia; Ribeira-Carballiño; Verín-Viana; Valdeorras; Ourense; e Terras de Caldelas e Trives.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a programación anual da Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense, correspondente ao curso 2017-2018, programación, que comezará o 1 de outubro e rematará o 30 de xuño de 2018, inclúe cursos de debuxo, iniciación e perfeccionamento en pintura, talla e escultura en madeira, modelado e escultura en barro e olería. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 1 ao 30 de setembro e o custo da matrícula por disciplina será de 50 euros.

Asemade, aprobouse a programación anual e prezos públicos da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense para o curso 2017-2018, que oferta 510 prazas nos ciclos elemental, medio e superior de gaita; un curso especial de gaita para adultos; percusión; canto e pandeireta; curso para adultos de canto de pandeireta e zanfona. As clases comezarán o 2 de outubro deste ano e finalizarán o 30 de xuño de 2018. O prazo de matrícula permanecerá aberto do 1 ao 20 de setembro, sendo o prezo de inscrición por curso e materia de 40 euros.