Xinzo eríxese en capital ibérica da gaita

Oscar Ibáñez, Xosé Lois Foxo, Jorge Gándar. José Angel Hevia e Fernando Dopico participantes na mesa redonda
Xinzo eríxese en capital ibérica da gaita
Onte tivo lugar a inauguración dun fin de semana no que a vila agarda miles de visitantes para o concurso de gaitas e percusión e o Certame de bandas: 750 músicos, 26 bandas, grupos varios e cantareiras

Desde onte a mañá, os aromas primaverais de Xinzo teñen tamén sons de gaitas, caixas de banda, percusión tradicional, e ata voces, as das cantareiras. Porque hoxe comeza na capital da Limia uno deses eventos memorables que se producen de cando en vez. O I Concurso de Gaitas e Percusión da Limia, hoxe, e o XIV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, que terá lugar mañá. Entre ambos, convocan na vila a centos de músicos e grupos en dous días nos que a vila agarda miles de visitantes e erixirase en capital ibérica da gaita e a música tradicional.

Co permiso da Pantalla, Xinzo é terra de gaitas, gaiteiros e gaiteiras, percusionistas. Xusto por iso, no acto institucional de inauguración de ambos eventos, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, fixo mención expresa a elo. “O pobo de Xinzo, na súa historia recente, non se pode imaxinar sen a historia da súa Banda, mellor dita das súas Bandas de Gaitas, e sen os milleiros de alumnos e alumnas que levan pasado por ela nestes anos, para convertelas en centros de ensino que van mais alá do musical, transmitindo valores, creando familia e facendo comunidade”.

Tampouco faltou unha mención súa aos actuais responsables (o director Fernando Dopico e os mestres Xoán Losada e Miguel Estévez), nin a todos os que pasaron por ela, herdeiros de outros grandes locais da gaita como os gaiteiros de Baronzás, os Antelanos, ou Juan Ferreiro, o gaiteiro de Laroá, entre outros moitos.

Trala inauguración, sen deixar o salón de plenos, tivo lugar una interesante mesa sobre o pasado presente e futuro das bandas de gaitas na península Ibérica con 5 protagonistas de excepción, tan difíciles de xuntar como comprometidos co este mundo: Fernando Dopico, Xosé Lois Foxo, José Ángel Hevia, Oscar Ibáñez e Jorge Gándara, mestres e gaiteros que aportaron puntos de vista por momentos dispares, con matices varios, pero que enriqueceron o debate ata o nivel da excelencia. É ao final chegaron a unha conclusión común: o enorme traballo que se leva feito desde fai anos en Ourense e concretamente en Xinzo de Limia. “Vir a Ourense era como unha viaxe de estudos”, relatou o internacional Hevia, que mañá dará o pregón do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas e que hoxe non se resistiu a sinalar á de Xinzo como “unha das bandas máis potentes e de maior proxección internacional”. Mentres tanto, a propia Banda de Xinzo e outras moitas apuraban os seus ensaios, ben na Praza de Carlos Casares ou no Toural.

Xa pola tarde, chegou o bo. O I Concurso de Gaitas e Percusión da Limia, unha idea que Dopico levaba tempo tramando e que chega con ánimo de continuidade.

Durante a fin de semana, prevese que o Certame Celtibérico de Bandas mobilice a preto de 5.000. A ocupación hotaleira achégase ao 100% nos hoteis de toda a comarca e máis alá e as reservas xa realizadas, garanten tamén un pleno nos restaurantes da contorna. So músicos son 750, formando parte de 26 bandas, as que hai que sumar os grupos de cantareiras, cuartetos, participantes individuais e, por suposto, familiares e público.

Fernando Dopico

Para facilitar o acceso e o estacionamento, habilitáronse dúas zonas para autobuses: o Toural e pavillón. Os vehículos lixeiros poderán aparcar nos dous párquins ao aire libre de Curros Enríquez e Avenida de Celanova, na Rúa Sitibal, Carmen Nóvoa, nas marxes do río e tamén no entorno do polígono.

Programa de mañá, 26 de marzo: ás 9.45 horas, comezará a cerimonia de izado de bandeiras na área de competición da Praza Carlos Casares e dará comezo a primeira fase do Certame Celtibérico de Bandas, que rematará ás 14.00 horas con desfile das bandas de primeiro grao dende a Praza Maior ata a Praza Carlos Casares, onde se concentrarán todos os participantes. Neste mesmo punto leranse as puntuacións e entregaranse os diplomas e premios. José Ángel Hevia lerá o pregón e intervirán as autoridades para dar paso á cerimonia de arriado de bandeiras e interpretación conxunta do Himno do antigo reino de Galicia por tódalas bandas participantes.