Xinzo recupera a cabalgata de Reis co tradicional percorrido e espectáculos teatrais

Foto arquivo
Xinzo recupera a cabalgata de Reis co tradicional percorrido e espectáculos teatrais

Ás 18:00 serán recibidos no Concello

A cabalgata de Reis de Xinzo de Limia volverá a encher de maxia as principais rúas. Despois de que o ano pasado o Concello tivese que establecer un plan B polo aumento de casos de covid-19 e os Magos de Oriente recibisen aos nenos e nenas no pavillón deportivo para minimizar o risco de contaxios, este ano recuperarase o tradicional percorrido. Será especialmente vistoso, xa que se acompañará de representacións teatrais para recuperar a ilusión de pequenos e maiores. Todo elo despois da recepción dos Reis Magos na Casa Consistorial, prevista para as 18.00 horas.

percorrido
percorrido

O inicio do percorrido estableceuse para as 18.30 horas dende a Praza Carlos Casares. Os Magos de Oriente desprazaranse por Curros Enríquez, Cruceiro, Marcelo Macías, Avenida de Ourense, Dous de Maio, Río Támega, Río Miño, Río Arnoia, Río Sil, Ladeira, Rosalía de Castro e Avenida de Madrid ata a Praza Maior. Neste punto realizarase a recepción oficial para que os nenos e nenas poidan compartir os seus desexos cos Magos de Oriente. Será a partir das 20.00 horas.

Durante o percorrido está previsto realizar paradas no Centro Social, Centro de Día e na residencia de maiores para compartir a ilusión con todos os veciños e veciñas. Será preciso realizar cortes de tráfico entre a rotonda da Avenida de Celanova e a Rúa Dous de Maio, en horario de 18.30 a 21.00 horas.

A Cabalgata de Reis volverá a ser un dos pratos fortes da programación de Nadal que elaborou o Concello de Xinzo de Limia con moito mimo. O executivo local considera que, este ano máis que nunca, os pequenos necesitan recuperar a ilusión destas datas, ao igual que todo o pobo. Foron moitas as propostas culturais que se sucederon dende mediados do mes de decembro e a decoración que se estende pola vila e o rural. Ata o domingo 8 de xaneiro, os nenos e nenas poderán seguir accedendo ao espazo de ocio emprazado na Praza Carlos Casares, outra das grandes atraccións do Nadal en Xinzo.