A Xoven Orquestra Ourensanía incluirase na programación cultural provincial
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo esta mañá no Pazo Provincial un encontro co director da Xoven Orquestra Ourensanía, José Luis Tielas, e con Jaime Collazo, presidente da Agrupación Musical da Limia -da que depende esta nova formación- para avanzar unha nova liña de colaboración que garanta o desenvolvemento da actividade desta orquestra sinfónica.

No encontro de traballo, Manuel Baltar comprometeu a inclusión da Xoven Orquestra Ourensanía na programación cultural provincial, asegurando deste xeito unha actividade estable con actuacións ao longo do ano.
A Xoven Orquestra Sinfónica Ourensanía é un proxecto de recente creación que se desenvolve desde a Agrupación Cultural da Limia. Composta por 40 instrumentistas, esta formación sinfónica musical vén de realizar a súa estrea cunha actuación na última gala dos Mestre Mateo, celebrada o 11 de marzo no Auditorio municipal de Ourense.