A Xunta abre expediente sancionador contra a Confederación hidrográfica do Miño-Sil

encoro_das_conchas-800x600
A Xunta abre expediente sancionador contra a Confederación hidrográfica do Miño-Sil

A CHMS e as empresas que xestionan as presas da conca Miño-Sil actuaron de forma irresponsable, sen esperar nin pedir as autorizacións preceptivas para desaugue, segundo a consellería de Medio Ambiente.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu expediente sancionador contra a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) pola súa responsabilidade no baleirado dalgúns dos encoros hidroeléctricos máis importantes desta conca.

A Consellería de Medio Ambiente, como organismo competente en materia de protección da riqueza piscícola en Galicia, adopta esta decisión ante a constatación de que a CHMS —máxima autoridade respecto ás actuacións hidráulicas que se executan na conca do Miño-Sil— obviou a súa responsabilidade ao non trasladar á Consellería a petición da autorización necesaria para protexer á poboación ictícola ante un posible baleirado.

Neste sentido, cómpre subliñar que a Confederación do Miño-Sil, organismo titular dos embalses e das concesións hidroeléctricas nesta conca, non notificou formalmente en ningún momento á Xunta, a pesar de estar legalmente obrigada a facelo, a intención das empresas de proceder ao baleirado dalgúns dos encoros que xestionan.

Polo tanto, a Confederación e as concesionarias responsables destes encoros actuaron sen esperar polas autorizacións preceptivas e oportunas por parte da Consellería, que nin sequera foi informada pola CHMS.

Cómpre subliñar que esta Consellería ten atribuídas as competencias en materia de protección da riqueza piscícola en Galicia. Por este motivo, correspóndelle ao organismo competente en aproveitamentos hidráulicos en cada demarcación notificarlle que se quere efectuar un baleirado nunha presa para que informe sobre as medidas que se deben adoptar previamente, co fin de garantir que a súa execución non prexudicará ás poboacións existentes nesa masa de auga.

Así o establece o artigo 83 do regulamento da ordenación da pesca fluvial en Galicia, que sinala como unha condición esencial para poder proceder ao baleirado dunha masa de auga que a concesionaria “o deberá comunicar cunha antelación mínima dun mes ao órgano competente” en materia de aproveitamento hidráulico —neste caso, a CHMS— que, á súa vez, “deberá notificalo inmediatamente” ao organismo responsable da protección da riqueza piscícola —a Consellería de Medio Ambiente—.

Unha vez feita esta notificación, o órgano competente en materia de aproveitamento hidráulico deberá agardar polo informe da Consellería. Así, segundo se recolle literalmente no punto 2 do artigo 83, “logo da adopción das medidas previas” por parte do responsable da conca, o departamento de Medio Ambiente “autorizará a anulación ou o baleirado coas condicións que garantan a protección e conservación da fauna acuática”.

Polo tanto, carece de sentido que agora a CHMS pretenda facer unha interpretación interesada do regulamento, co único fin de desviar a atención da súa responsabilidade por incumprir a normativa vixente.

De feito e en contra do procedemento legalmente establecido e coñecido tanto por concesionarias como pola CHMS, este verán alterouse o nivel de auga encorada nalgúns dos principais encoros hidroeléctricos do Miño-Sil sen notificar antes á Consellería de Medio Ambiente nin, polo tanto, agardar a que se pronunciara, motivo polo que o departamento autonómico decidiu iniciar o correspondente sancionador contra o organismo de conca estatal.

Ademais, cómpre lembrar que a apertura deste expediente prodúcese despois das cartas remitidas o pasado 25 de agosto con relación a estes feitos polas conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Infraestruturas e Mobilidade ao presidente da CHMS e mais á ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, dúas misivas que, a día de hoxe, seguen sen ter unha resposta oficial.

O obxectivo principal da Xunta de Galicia nestes momentos é depurar responsabilidades polo baleirado realizado sen autorización en varios encoros desta conca nas últimas semanas, uns feitos, en todo caso, non imputables de ningún xeito á acción do Goberno galego.