A XUNTA APOIA A MODERNIZACIÓN E DIXITALIZACIÓN DE 61 COMERCIOS E OBRADOIROS ARTESÁNS DA PROVINCIA DE OURENSE

2810 19 axudas dixitalización comercio
A XUNTA APOIA A MODERNIZACIÓN E DIXITALIZACIÓN DE 61 COMERCIOS E OBRADOIROS ARTESÁNS DA PROVINCIA DE OURENSE

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, informou das axudas publicadas no DOG cifradas en case 600.000 euros

3 en Xinzo e outros en Lobios e Muiños

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, informou que ao abeiro das axudas para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal este ano resultaron beneficiados na provincia ourensá 57 comercios e 4 obradoiros artesáns cunha achega de preto de 600.000 euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a pasada semana a resolución da Consellería de Economía, Emprego e Industria do programa de apoios para a implantación de novas fórmulas de negocio, tanto en establecementos físicos como na rede.

Díaz Mouteira explicou que os apoios céntranse na dixitalización, na mellora da imaxe tanto dixital como física dos locais, na expansión comercial e nas novas fórmulas de comercialización, ademais de no equipamento de ferramentas que melloren o produto final. Entre outras actuacións, no eido dixital apoiase a implantación e actualización de páxinas web comerciais e a contratación de servizos profesionais de xestión de redes sociais, a introdución de ferramentas de márketing 4.0 ou a implantación de ferramentas de xestión.

A axuda directa máxima deste programa para os titulares de establecementos comerciais que leven a cabo actuacións de dixitalización pode chegar a 21.000 euros. Tamén poden obter ata 15.000 euros para os proxectos relacionados coa imaxe física do local, 30.000 euros para expansión comercial e ata 33.600 euros para iniciativas relacionadas con novas formas de comercialización e equipamento. A intensidade da axuda, dependendo da actuación que se realice, pode chegar ata o 80% do investimento a realizar.

Concept store

A representante do Goberno galego en Ourense deu conta destas axudas durante a visita que realizou esta mañá a un dos comercios beneficiarios destes apoios na cidade, Mekari Cakes&Food.

Trátase dun establecemento que se acolleu as axudas para potenciar novas fórmulas de comercialización, concretamente unha concept store, destinada a produtos de panadería e pastelería, que inclúe obradoiro, pero que tamén ofrece xeados e cervexas artesanais, así como produtos cárnicos. As concept stores son iniciativas de un ou varios comerciantes que comparten un espazo compartido con diferentes propostas innovadoras xa sexan comerciais, culturais, artísticas, de deseño ou gastronómicas, creando unha experiencia única de compra.

Na convocatoria deste ano, no tocante aos proxectos de modernización integral de locais, apóianse as obras de reforma e acondicionamento, a adquisición de moblaxe e melloras na fachada. Como novidade, concedéronse tamén axudas para actuacións conxuntas dun mínimo de tres establecementos comerciais contiguos para dotar de homoxeneidade estética da imaxe exterior dos comercios dunha mesma rúa comercial, promovendo así a mellora da paisaxe das zonas comerciais.

Por outra banda, os comerciantes que decidiran expandir o seu negocio obtiveron apoios para a apertura dun novo establecemento, baseado no desenvolvemento do mesmo proxecto comercial, na especialización ou diversificación de produtos, na especialización de servizos ao cliente ou na especialización de novas tendencias emerxentes de consumo. O proxecto de expansión comercial debe incluír un compromiso de contratación de polo menos unha persoa durante un período mínimo dun ano.

Os 57 comercios beneficiarios da provincia ourensá pertencen a 19 concellos, dos que a maioría están emprazados na cidade das Burgas (20), seguido de Allariz (9), Verín (5), Barbadás (4), O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Xinzo de Limia (3 en cada un deles), A Rúa (2); e Amoeiro, Avión, Bande, Celanova, Leiro, Lobios, Muíños, Paderne de Allariz, San Cristovo de Cea e Viana do Bolo que contan cun establecemento. Pola súa banda, os establecementos artesanais beneficiados están en Allariz (2) e na cidade (2).