A Xunta aposta pola xestión sustentable da actividade agrogandeira en toda Galicia e na Limia en particular

Conselleiro de Medio Rural
A Xunta aposta pola xestión sustentable da actividade agrogandeira en toda Galicia e na Limia en particular

José González explicou que se Galicia non ten declaradas zonas vulnerables por contaminación por nitratos é debido a que previamente é necesaria a declaración de masas de auga afectadas, que no caso da Limia é competencia estatal

A Xunta aposta pola xestión sustentable da actividade agrogandeira en toda Galicia e en particular na comarca ourensá da Limia. Así o defendeu hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, en resposta a unha interpelación no pleno do Parlamento sobre esta materia. O titular de Medio Rural explicou que se Galicia non ten declaradas zonas vulnerables por contaminación por nitratos é debido a que previamente é necesaria a declaración de masas de auga afectadas, que no caso da Limia corresponde ao organismo de conca adscrito ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. É dicir, a competencia é estatal, remarcou.

En todo caso, engadiu o conselleiro, a Xunta está preparada para cumprir calquera obriga e requisito de sustentabilidade en canto á xestión das dexeccións gandeiras. E lembrou as diferentes actuacións impulsadas polo Goberno galego neste sentido. Así, trasladou a posta en marcha da Mesa da Limia e do Plan Estratéxico para esta bisbarra no que, salientou, “levamos traballando arreo para poñer en valor a produción agropecuaria baixo un enfoque verdadeiramente sustentable”.

José González defendeu a necesidade de afrontar, no ámbito concreto da Limia,

“importantes investimentos” que favorezan a importantísima actividade agrogandeira nesta bisbarra e que se poidan desenvolver coa menor afectación ambiental. Uns investimentos que -destacou- se teñen demandado por parte da Consellería do Medio Rural ao Goberno central e que “esperamos que sexan respectados e que o Ministerio de Agricultura cumpra cos seus compromisos”.