A XUNTA COMPARTE CO SECTOR A NOVA FOLLA DE RUTA PARA REACTIVAR O TURISMO EN OURENSE E FOMENTAR O EMPREGO

130520 desinfeccións1
A XUNTA COMPARTE CO SECTOR A NOVA FOLLA DE RUTA PARA REACTIVAR O TURISMO EN OURENSE E FOMENTAR O EMPREGO

Máis dun cento de profesionais do turismo da provincia participaron hoxe no seminario web no que o Goberno autonómico presentou o Plan de Reactivación cara a nova normalidade aprobado en Consello de Goberno

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director do Igape , Juan Cividanes, acompañados polo presidente da Confederación de Empresarios de Hostelería de Ourense, Ovidio Fernández Ojea, presentaron hoxe por videoconferencia aos profesionais da provincia o Plan autonómico de reactivación do sector turístico galego fronte ao coronavirus.

Durante o encontro, a delegada territorial indicou que con esta nova folla de ruta o Goberno galego “aspira a converter Galicia nun destino seguro e dar certezas aos profesionais do sector e aos seus usuarios a través de medidas concretas e coordinadas”. Díaz Mouteira asegurou que “confiamos na nosa potencialidade como destino termal, unha riqueza que temos que aproveitar para reconquistar e atraer aos turistas que xa a coñecían e aos que aínda lle queda por descubrila”, para engadir que o turismo é un dos sectores fundamentais para a necesaria reactivación económica e social.

Marisol Díaz ás maís dun cento de persoas que participaron no evento e que fixeron chegar ás súas dúbidas e preguntas aos ponentes.

Un Plan transversal

130520 deseinfeccions2Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo fincapé no carácter transversal de gran parte das medidas do Plan autonómico que conta cun investimento de 27 millóns de euros e preto de 50 medidas das que case 30 son referidas ao eido do turismo. “O noso obxectivo é fomentar e manter o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo reforzando a marca Galicia como destino seguro”, indicou a directora de Turismo.

Puxo de manifesto, ademais, o papel de Ourense no modelo turístico galego baseado na natureza, tranquilidade e sustentabilidade e recordou a súa positiva evolución, cun crecemento o ano pasado do 4% na súa demanda turística e contando con Ourense entre as tres cidades galegas que mellor evolución estaban a ter.

Por iso e coa intención de recuperar a fortaleza do tecido turístico de Ourense, Nava Castro recordou o traballo conxunto realizado xunto co sector, recollendo boa parte das súas achegas, para poñer en marcha este Plan do que as primeiras medidas comezarán a facerse visibles durante este mes de maio e durante as vindeiras semanas.

Neste sentido, apoiaranse medidas hixiénico-sanitarias para os establecementos turísticos; manteranse acordos para o impulso da cadea de valor, reformularase a estratexia de promoción de destino adaptada a este novo contexto sanitario; promoverase un programa de consultoría e asesoramento para as empresas, fomentarase a formación do sector e se promoverá o turismo interno co iniciativas como o programa de Queda en Galicia, entre outras accións. “Temos que reforzar a imaxe de Galicia como un destino seguro que xere confianza entre os futuros turistas e dea garantías tamén aos residentes”, explicou.

Xacobeo 2021

Tendo en conta a pegada xacobea da provincia ourensá, tamén se indicou que o Plan prevé que o Xacobeo 2021 funcione como estímulo da actividade e do consumo para impulsar ás industrias cultura e turística.
A aprobación deste plan aliñase coas medidas transversais impulsadas polo Goberno galego para a reactivación da actividade económica tras a crise sanitaria.
Nese sentido, o director do Igape, Juan Cividanes, explicou na súa intervención que a Xunta traballa por minimizar o impacto da crise no conxunto empresarial poñendo en marcha medidas que facilitan a reactivación da actividade de pemes e autónomos, acompañándoos con respostas urxentes que permitan facer fronte ás súas necesidades.
Cividanes destacou que tanto as novas liñas de axudas como os programas que se están a reforzar inciden en apoiar a liquidez dos colectivos empresariais máis vulnerables e os traballadores e promoven a dixitalización como unha das claves do novo entorno económico, ao tempo que inciden en garantir a confianza e a seguridade dos consumidores.

Entre os programas xa activados atópase a liña de préstamos sen intereses destinados a autónomos e pemes e os anticipos a traballadores afectados por un ERTE.