A Xunta concede máis dun millón de euros a 76 entidades locais da provincia de Ourense para a promoción da Igualdade

250619 Axudas igualdade1
A Xunta concede máis dun millón de euros a 76 entidades locais da provincia de Ourense para a promoción da Igualdade

Entre elas os CIMs de Xinzo e Muiños

Os concellos da provincia de Ourense van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de máis de 1.065.047 euros, para a posta en marcha de distintas accións de promoción da igualdade real entre mulleres e homes. Así o explicou hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, nunha rolda de prensa na que detallaron os resultados da resolución desta convocatoria de axudas.

250619 Axudas igualdade1

En total serán 76 entidades locais ourensás as beneficiarias destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que se destinarán a iniciativas en catro liñas de actuación. A novidade deste ano a constitúe o programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres financiado con fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Ademais, grazas a estas axudas desenvólvense programas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, fomento da conciliación e de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIMs). Moitas destas solicitudes foron presentadas de forma conxunta por agrupacións ou mancomunidades de concellos, priorizando así a xestión conxunta e eficaz dos recursos públicos.

Catro programas subvencionables

Das catro liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 630.760 euros, que se distribúen en 15 centros de Información á Muller: Avión, O Barco, Barbadás, O Carballiño, Xinzo da Limia, Maceda, Muíños, Ourense, Pobra de Trives, Verín, Viana do Bolo, Mancomunidade Terra de Celanova, Mancomunidade do Ribeiro, Mancomunidade Conso-Frieiras e Mancomunidade Santa Águeda, e beneficia a un total de 50 concellos. Estas subvencións destinaranse ao financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización destes centros. A maior parte axudará a manter ás 40 persoas que traballan nos centros da provincia en postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica ou como axentes de igualdade ou de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Para as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, que constitúen a novidade desta convocatoria, contarán coa axuda 27 entidades locais (24 concellos e tres mancomunidades).

250619 Axudas igualdade2 - copiaPor outra banda, destinaranse 47.223 euros ao programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero que chegará a sete concellos. Ao abeiro desta liña, fináncianse accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e as súas persoas dependentes; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.
Xa por último, a liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar contará con algo máis de 217.000 euros para financiar accións en 21 entidades locais (20 concellos e unha mancomunidade) e que agrupan a 29 concellos ourensáns.
Ampliación de crédito
A secretaria xeral da Igualdade adiantou que ante a alta demanda, a Xunta vai ampliar en case 260.000 euros o orzamento destinado ás iniciativas para conciliar a vida laboral, persoal e familiar e ao programa de apoio aos centros de información ás mulleres co obxectivo de atender á totalidade dos expedientes que cumpren todos os requisitos para a concesión das axudas.
A concesión a nivel autonómico ten un importe total de 5.058.194,29€, cun primeiro pagamento do 75 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado. O 25% restante librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención.