A Xunta creará unha nova unidade de elite para a investigación de incendios forestais na vindeira tempada de alto risco

image_gallery
A Xunta creará unha nova unidade de elite para a investigación de incendios forestais na vindeira tempada de alto risco

O conselleiro do Medio Rural salientou tamén a incorporación de melloras tecnolóxicas como a implantación de novas funcionalidades para o cálculo dos custos de extinción ou a instalación de 22 novas cámaras de vixilancia no monte

O Pladiga 2021 contempla a creación dunha Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO). Estará formada por 15 membros da Escala de Axentes Ambientais e dependerá do director xeral de Defensa do Monte. Será unha unidade de elite, desvinculada dos labores de extinción, polo que poderá centrarse especificamente na investigación.

Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na reunión do Consello Forestal de Galicia, no que se avaliou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga), como paso previo antes da definitiva aprobación deste documento polo Consello da Xunta.

1-Puesto-de-cotocastro-ToenO obxectivo xeral do Pladiga é reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos incendios, dentro dos recursos dispoñibles e avanzou outras das novidades do documento para esta campaña. Así, salientou a incorporación de novas melloras tecnolóxicas en colaboración coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega), como son a implantación de novas funcionalidades para o cálculo dos custos de extinción, baseadas na aplicación de custos unitarios e tempo de traballo. Isto facilitará logo a reclamación dos gastos en procesos xudiciais contra incendiarios, segundo trasladou González.
O titular de Medio Rural avanzou tamén que este ano implantarase o acceso ao persoal que intervén no incendio a toda a información operativa do lume, en tempo real: punto de inicio e evolución, recursos asignados, punto de auga próximos, cartografía, datos meteorolóxicos, descargas dos medios aéreos etc. Unha vez realizadas as xornadas de formación específicas para o uso desta funcionalidade, a súa utilización estenderase a todo o operativo no vindeiro período de alto risco, avanzou o conselleiro.

Ao tempo, dentro das novidades do Pladiga reforzarase e consolidarase a rede de vixilancia con cámaras de última xeración.

Este ano instalaranse 22 novos dispositivos, o que permitirá dispoñer xa de 142 cámaras en toda Galicia, localizadas en 71 puntos estratéxicos, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria e ás zonas de Alto Risco de Incendios.

Ata o de agora, as cámaras instaladas permitían cubrir o 60% do territorio galego e con estas incorporacións chegarase a abarcar unha porcentaxe aproximada do 70%.

Outra mellora na loita fronte os incendios posta en valor polo conselleiro será a creación do novo Centro integral para a loita contra o lume, que se situará na localidade ourensá de Toén. Trátase, dixo González, dun verdadeiro “Campus Forestal” que contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios e salientou que a Xunta vén de recibir o respaldo do Parlamento para a súa posta en marcha.

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou a próxima creación, no sur de Ourense, dunha moderna base de medios aéreos, que suporá un investimento de máis de 9 millóns de euros. Estas instalacións enmárcanse no proxecto transfronteirizo Interlumes, que permitirá dotar a esta área -unha das máis afectadas pola actividade incendiaria- dunhas modernas instalacións para a anticipación aos incendios, mellorando tempos de resposta e optimizando os recursos na loita contra o lume.

Plans de prevención e formación

Por último, o conselleiro recordou que outro dos plans incluídos no Pladiga é o de Formación. Así, sinalou, a Xunta impartirá preto de 230.000 horas lectivas aos case 3.000 traballadores do Servizo, dentro dunha iniciativa que tamén se estenderá aos concellos e á cidadanía deica o ano 2024.