Xunta e Cruz Vermella impulsan formación sociosanitaria para desempregados en Ourense

090118 AFD Cruz vermella
Xunta e Cruz Vermella impulsan formación sociosanitaria para desempregados en Ourense

O alumnado fórmase para atender no ámbito sociosanitario a persoas dependentes en institucións sociais ou no domicilio.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe a entidade Cruz Vermella de Ourense e comprobou o desenvolvemento de dous cursos de formación para desempregados (AFD) promovidos por esta entidade en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria. En total son 30 as persoas que participan nestas dúas iniciativas formativas que contan cunha achega de case 80.000 euros.

O alumnado fórmase para atender no ámbito sociosanitario a persoas dependentes en institucións sociais ou no domicilio.

Na visita Díaz Mouteira estivo acompañada polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez; o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez; e polo presidente da Cruz Vermella na provincia, Felipe Ferreiro e outros responsables da entidade.

Cada un dos cursos conta con 15 alumnos que reciben formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e no domicilio e que, ao seu remate, obterán o certificado de profesionalidade nas devanditas especialidades válido en toda España. O curso de atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais ten 468 horas de formación, mentres que o de atención sociosanitaria de persoas no domicilio amplía a formación ata chegar a 618 horas. As dúas accións formativas capacitarán ao seu alumnado para atender a persoas con especiais necesidades e manter e mellorar a súa autonomía persoal e as súas relacións co entorno.

Marisol Díaz Mouteira comprobou o desenvolvemento desta iniciativa formativa dirixida a 30 persoas desempregadas na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste preto de 80.000 euros.

Díaz Mouteira incidiu na importancia da formación de cara á mellora da empregabilidade. Neste senso, subliñou a aposta da Xunta pola organización de cursos de formación co obxectivo de incrementar a empregabilidade das persoas sen un traballo facilitándolles, polo tanto, o seu acceso ao mercado laboral.

Así, a delegada territorial da Xunta lembrou que na provincia de Ourense, o departamento que dirixe Francisco Conde impulsa este ano con máis de 9,3 millóns de euros a formación para desempregados que se imparte en empresas, concellos ou entidades sen ánimo de lucro, unha contía que permitirá a posta en marcha de 244 cursos que sumarán case 110.000 horas de formación para beneficiar a 3.660 alumnos e alumnas.