A Xunta declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria en toda Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, comparecerá para dar conta das medidas acordadas foto xoán crespo 21/10/2021
A Xunta declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria en toda Galicia
Incrementa os aforos ata o 100% e a hostalería e o ocio nocturno amplían os seus horarios

O Consello da Xunta declarou a finalización da situación de emerxencia sanitaria, que estaba declarada dende o día 13 de marzo de 2020. Ademais, increméntanse os aforos ata o 100% e a hostalería e ocio nocturno amplían os seus horarios.

A maiores da fin da emerxencia sanitaria, o comité clínico abordou na súa reunión de onte o incremento dos aforos ata o 100% en practicamente todos os ámbitos, tanto no interior como no exterior.
No que atinxe aos horarios, o vicepresidente primeiro explicou que no ámbito de hostalería estenderase o horario de apertura na noite dos venres e dos sábados, ata a 1,30 horas mentres que os restantes días a limitación horaria fíxase ata as 1 horas da madrugada.
Polo que respecta ao ocio nocturno, nas noites do venres e o sábado, os locais poderán estar abertos ata as 4,30 horas e os restantes días da semana ata as 4,00 h. Así mesmo, no caso das discotecas e salas de festa, o seu horario de apertura estenderase ata as 5 horas da mañá todos os días da semana.

Rueda tamén explicou que se levantan as medidas excepcionais que aínda se mantiñan en vigor nas residencias sociosanitarias. Deste xeito, todos os residentes poderán saír como facían antes da pandemia e tamén se recuperan as visitas, gardando coma sempre as precaucións e tamén a cita previa. A maiores tamén se seguirá cos cribados periódicos aos profesionais que traballan nestes centros.

Logo de lembrar que será necesario manter as máscaras en espazos pechados e cando non se poida manter unha distancia de metro e medio, o vicepresidente primeiro salientou que todas estas medidas “nos levan cara a normalidade de antes ou, cando menos, á nova normalidade”.