A XUNTA DESTINA MÁIS DE 193.000 EUROS PARA A DIXITALIZACIÓN E MODERNIZACIÓN DE 50 COMERCIOS DA PROVINCIA DE OURENSE

040219Axudas comercio2018
A XUNTA DESTINA MÁIS DE 193.000 EUROS PARA A DIXITALIZACIÓN E MODERNIZACIÓN DE 50 COMERCIOS DA PROVINCIA DE OURENSE

Algún deles están en Xinzo e Entrimo

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou os máis de 193.000 euros que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en 2018 destinou ao comercio da provincia de Ourense co obxectivo da súa dixitalización e modernización. Fíxoo na visita que realizou a ‘Carmen Rey’ un dos comercios beneficiarios emprazado na rúa Parque de San Lázaro da cidade das Burgas. Na visita estivo acompañada do xefe territorial deste departamento autonómico, Santiago Álvarez González.

Este comercio desenvolveu, ao abeiro deste programa de axudas e coa achega de 11.450 euros, un proxecto de modernización integral do seu local cuxo orzamento acadou os 22.900 euros

Díaz Mouteira explicou que o obxectivo destas axudas é impulsar a transformación dixital do sector comercial e artesanal de cara a súa adaptación ás novas tendencias do mercado e para que sexan un motor de crecemento das vilas galegas. “Dado que o comercio é unha actividade en constante evolución, os comerciantes teñen que actualizarse de xeito continuo e adaptarse ás novas tecnoloxías e aos cambios nos hábitos de compra dos clientes”, indicou a delegada territorial.

Na provincia ourensá son 50 os beneficiarios destas axudas, dos que 47 son comercios e 3 son obradoiros artesanais. A maioría deles, 26 pertencen á cidade, e o resto están emprazados en Allariz, Avión, Bande, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Entrimo, A Rúa, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia. Grazas a este programa, 40 desenvolverán actuacións de implantación ou actualización de páxinas web comerciais e de mellora da imaxe en liña. Ademais, poñeranse en marcha 9 iniciativas centradas na loxística dixital ou a implantación de packaging para venda en liña. Doutra banda, activaranse 15 proxectos de ferramentas de xestión, e modernizaranse 8 locais.

Ademais, a través desta mesma orde de axudas, 9 dos comercios beneficiarios contaron co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver novas fórmulas de promoción e comercialización en internet, no marco do programa de Social Commerce que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio. O obxectivo desta iniciativa é potenciar a presenza do comercio galego de proximidade nas redes sociais, impulsando a súa conexión co cliente e creando novas redes de fidelización e imaxe de marca.

O investimento subvencionable, segundo o tipo de apoio solicitado, pode ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda é en todos os casos do 50%.

Estas axudas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

Na actualidade a Xunta está a traballar na próxima convocatoria destas axudas e prevese a publicación da Orde de axudas correspondente a 2019 ao longo deste primeiro trimestre do ano.