A Xunta detalla a máis dun cento de concellos o sistema para que poidan repartir con axilidade as súas axudas ao sector da hostalería

image_gallery
A Xunta detalla a máis dun cento de concellos o sistema para que poidan repartir con axilidade as súas axudas ao sector da hostalería

A Administración autonómica tramitará os pagos para que os concellos poidan dar directamente as axudas aos beneficiarios do seu propio municipio

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, explicaron aos representantes de máis dun cento de concellos galegos o sistema para o pago das axudas municipais ao sector da hostalería, un mecanismo de colaboración áxil que permitirá que cada Administración local faga achegas de 1.000 euros aos beneficiarios do seu propio municipio reducindo a burocracia.

Deste xeito, a Xunta porá a disposición dos concellos que así o desexen a súa plataforma de reparto, o que permitirá gañar rapidez. Os concellos interesados comprométense a realizar achegas de 1.000 euros e deberán formalizar a súa adhesión ao convenio a partir do día 23 deste mes. O sistema espertou o interese dos representantes municipais, como proba o número de participantes na reunión e o feito de que, entre os interesados, había gobernos locais de todas as cores políticas.

As achegas que cada concello decida destinar a este colectivo irán a parar, directamente, aos beneficiarios dese mesmo ámbito territorial e destinaranse en concreto á hostalería.

II Plan de Rescate

Estas axudas complementarán o segundo Plan de Rescate da Xunta de Galicia, que xa leva recibidas máis de 32.000 peticións. O primeiro e segundo plan de rescate da Xunta suman 160 millóns de euros en axudas directas para os sectores máis afectados en apenas catro meses.

Alfonso Rueda reclamou do Goberno central a mesma axilidade nas axudas que o presidente do Goberno prometeu a semana pasada, cando Pedro Sánchez anunciou un fondo de 11.000 millóns de euros sen concretar a quen ía ir destinado sen especificar se van ser axudas directas, que é o que reclama o sector.