A Xunta informa das axudas aos afectados polos lumes do pasado ano

593
A Xunta informa das axudas aos afectados polos lumes do pasado ano

Técnicos da Xunta contactarán cos concellos beneficiados, que na provincia de Ourense ascenden a 18, para avanzar no proceso

A Xunta de Galicia ten remitido unha carta aos concellos da provincia de Ourense afectados pola vaga de lumes de mediados de outubro para informalos da tramitación dos convenios para acceder ás axudas que a Administración autonómica puxo á súa disposición para reparar os danos en bens municipais.

Tras unha primeira valoración, a Administración autonómica inicia agora o proceso para a tramitación dos convenios cos distintos concellos beneficiados, que na provincia de Ourense ascenden a 18. Nas próximas datas, técnicos da Xunta contactarán cos municipios co obxecto de realizar a comprobación definitiva dos danos e das súas contías. As axudas serán financiadas ao 50% pola Vicepresidencia da Xunta e precisarán colaboración por parte doutras administracións.

Nas próximas datas, técnicos da Xunta contactarán cos municipios co obxecto de realizar a comprobación definitiva dos danos e das súas contías.

Algunhas das axudas solicitadas polos concellos non cumprían os requisitos, xa que os bens obxecto de estudo eran de titularidade privada ou se presentaron danos que eran subvencionables por outros departamentos, como a reposición de sinalización turística (Secretaría Xeral para o Turismo), os danos en instalacións deportivas (Secretaría Xeral para o Deporte), traballos de acondicionamento de Tecores (Consellería de Medio Ambiente) ou recollida e astelado de madeira queimada (Consellería do Medio Rural).

A Xunta de Galicia habilitou unha orde de axudas en menos dunha semana despois da vaga de lumes de outubro. Tres meses despois do suceso as axudas máis urxentes, as que corresponden aos danos persoais e ás familias realoxadas, xa foron aboadas. O obxectivo é avanzar nese compromiso de axilidade e que todas as axudas incluídas na orde estean resoltas no primeiro semestre do ano, de xeito que todos os afectados poidan ser resarcidos polos danos que sufriron.

O obxectivo é avanzar nese compromiso de axilidade e que todas as axudas incluídas na orde estean resoltas no primeiro semestre do ano.

En total, nas nove liñas de axudas, rexistráronse 1.275 peticións por valor de 22 millóns de euros. O proceso de valoración e estudo determinará cal é a cifra definitiva de concesión. De todos modos, a propia orde establece a posibilidade de ampliar os créditos establecidos inicialmente de xeito provisional para que ningunha persoa que cumpra os requisitos quede sen a súa axuda.