A Xunta inicia a información pública do plan reitor do Xurés para os próximos 10 anos

Ruta-de-Padrendo-1024x500
A Xunta inicia a información pública do plan reitor do Xurés para os próximos 10 anos

Propón un Plan de emerxencias, o primeiro co que contará o parque, e un plan de actuacións con catro programas en función dos catro obxectivos principais: conservación da biodiversidade natural, investigación e seguimento, xestión do uso público e mellora das infraestruturas e equipamento

A Xunta inicia a tramitación do Plan Reitor do Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés, o último dos tres parques naturais que hai na provincia de Ourense, que está chamado a ser a folla de ruta coa que compatibilizar os usos e a conservación deste parque natural na próxima década. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a información pública e tras o acordo da Xunta Reitora do parque do pasado 25 de novembro.

A Xunta iniciou un proceso de actualización dos instrumentos de xestión dos parques de Galicia, polo que no Xurés -que na actualidade se regula por un Plan de ordenación dos recursos naturais- cómpre actualizalo.

O obxectivo é conservar a diversidade xeolóxica e biolóxica nos seus diferentes compoñentes (hábitats e especies) e as paisaxes e aquelas das súas compoñentes que contribúan á conservación da diversidade biolóxica, asegurando o mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais da dinámica deste espazo.

3358scr_f329862cc9f799fO do Xurés será o sexto instrumento de xestión que se aproba, polo que tamén introducirá aspecto similares aos Prux do Parque Nacional Illas Atlánticas (2018) ou de Serra da Enciña da Lastra e do Invernadoiro, ambos aprobados en 2019, ao reaxustrar e modificar a denominación das unidades de zonificación. Esta decisión responde ao obxectivo de buscar unha unidade á Rede de Parques Naturais de Galicia e para facilitar a identificación das distintas zonas de protección de xeito rápido e intuitivo.

O plan reitor tamén consta dun plan de actuación, organizado en catro programas, para coñecer, manter e mellorar os valores naturais e os compoñentes ecolóxicos valiosos do parque .

Así, en función dos obxectivos, establécese un programa de conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural, un programa de investigación, seguimento e avaliación, un programa de xestión do uso público e un cuarto de mellora das infraestruturas, instalacións e equipamentos.

Asemade, tamén prevé un plan de emerxencia -o primeiro que se elabora para este parque-, para optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución dunha eventual emerxencia e minimizar as consecuencias.