A XUNTA INVESTIRÁ PRETO DE 30 M€ O ANO QUE VÉN PARA IMPULSAR AS PLANTACIÓNS, A SILVICULTURA E A BOA GOBERNANZA DOS MONTES GALEGOS

Consello Forestal de Galicia
A XUNTA INVESTIRÁ PRETO DE 30 M€ O ANO QUE VÉN PARA IMPULSAR AS PLANTACIÓNS, A SILVICULTURA E A BOA GOBERNANZA DOS MONTES GALEGOS

Deles, 4,5 millóns para unha nova liña de axudas que promoverá as plantacións de castiñeiros e a recuperación de soutos tradicionais

A Xunta investirá preto de 30 millóns de euros o ano que vén para impulsar as plantacións, a silvicultura e a boa gobernanza dos montes galegos. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que -acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan- preside hoxe a xuntanza do Consello Forestal de Galicia, que ten lugar no pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón.

En concreto, segundo desglosou o titular de Medio Rural, destinaranse 12,7 millóns de euros (un 68 % máis que neste 2021) ás axudas de forestación e primas de mantemento, mentres que para as achegas de silvicultura e boa gobernanza das comunidades de montes veciñais se consignan 10,5 millóns. Así mesmo, destacou a nova liña para fomentar as plantacións de castiñeiros e a recuperación de soutos tradicionais, dotada con 4,5 millóns de euros.

211108_Consello forestal_03

Na reunión do Consello Forestal de hoxe tamén se tratarán varias cuestións relacionadas cos obxectivos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, que se publicou recentemente no Diario Oficial de Galicia. Así, segundo afirmou o conselleiro, trataranse os avances na elaboración do Inventario forestal continuo en colaboración coas universidades de Santiago e Vigo, para contar cun sistema de monitorización propio das masas forestais que constitúen o monte galego e da súa evolución. Tamén se abordará o Programa estratéxico do souto e da castaña, que se terá listo no primeiro quinquenio do período marcado polo Plan Forestal.

A maiores, no encontro constituirase un grupo de traballo para avanzar no uso sociorrecreativo dos montes veciñais, unha das finalidades marcadas tamén no Plan Forestal de Galicia. Trátase de ordenar e regular os usos e actividades sociorrecreativas a desenvolver nos diversos montes ou terreos forestais en aras da conservación e da protección do medio natural. Tamén se persegue a promoción do uso social ou turístico do monte mediante o establecemento dunha rede de infraestruturas verdes en contornas urbanas e en zonas de especial interese paisaxístico.

Na orde do día, consta ademais a avaliación dos traballos feitos para combater a avespiña do castiñeiro, que teñen constatado o asentamento nos soutos galegos do parasito Torymus sinensis, empregado dende o 2015 para o control biolóxico desta praga. Nesa liña, unha vez analizados todos os puntos onde se colleron mostras de bugallas tras as soltas do ano 2020 recuperáronse 3.158 exemplares do parasitoide, o que supón máis do dobre do recuperado en todas as campañas anteriores de 2016 a 2019. No que respecta ao plan de control deste ano 2021, a Consellería do Medio Rural soltou preto de 1,6 millóns individuos de Torymus. Canto ao investimento, superou os 2,2 millóns de euros, o que supón un incremento próximo ao 3 % con respecto ao presuposto do pasado exercicio.