Galicia oponse a esterilización dos cans de caza
A Xunta alega contra a intención do goberno central de obrigar por lei a esterilizar aos cans de caza
A Xunta de Galicia acaba de presentar alegacións contra a intención do Goberno central de introducir por norma a obriga de esterilizar aos cans que se dediquen a desenvolver actividades cinexéticas, unha das novidades incorporadas no anteproxecto de Lei de protección, dereitos e benestar dos animais, actualmente en tramitación.

Este foi un dos asuntos que se abordaron hoxe durante o Comité galego de caza, no que a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, expuxo as principais alegacións feitas ao texto normativo en relación a aspectos de interese para o sector.
Neste sentido, a responsable autonómica explicou que segundo o artigo 42.3 do anteproxecto, aqueles cans que desenvolvan e sirvan de apoio durante a actividade cinexética deberán ser esterilizados en todo caso xa que no exercicio das súas funcións estarán en contacto con exemplares de distinto sexo e non será posible mantelos separados entre si. Esta obriga, como indicou, supón un prexuízo para os seus donos, polo que a Xunta solicita ao Goberno central que introduza “unha excepción” na futura norma, tal e como si prevé no caso dos cans de pastoreo e manexo do gando.
Aproveitando que no Comité galego de caza están representadas as principais asociacións de cazadores e outros grupos ligados ao sector, así como as organizacións relacionadas coa conservación da natureza, Do Campo indicou que no marco do trámite de audiencia da lei estatal a Xunta tamén fixo constar o seu desacordo con que se esixa unha licenza de caza para poder ser titular dun can destinado a este tipo de actividades.
De feito, argumentou que este requisito choca coa propia Lei de caza de Galicia, que “no exercicio das competencias exclusivas” que ten asumidas a Xunta na materia, sinala que existen cometidos dentro das accións cinexéticas que non implican necesariamente a posesión dunha licenza, como é o caso dos observadores, auxiliares ou acompañantes.