A XUNTA PRESENTA EN OURENSE A CAMPAÑA DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO E AS ACTIVIDADES A DESENVOLVER NA PROVINCIA

161117 RP Campaña 25N
A XUNTA PRESENTA EN OURENSE A CAMPAÑA DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO E AS ACTIVIDADES A DESENVOLVER NA PROVINCIA

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, explicaron en rolda de prensa os detalles desta campaña de prevención e sensibilización

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, presentaron hoxe en rolda de prensa a campaña institucional para o Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, que se celebra o próximo 25 de novembro, así como as actividades que se desenvolverán arredor deste tema en 20 concellos da provincia nos vindeiros meses.

Nesta edición, o lema da campaña será \“O máis grande de Galicia non se maltrata\”, seguindo na mesma liña da campaña que se puxo en marcha o pasado 8 de marzo, con motivo do Día internacional da muller.

Distribuiranse 35.000 carteis por todas as vilas e cidades de Galicia, tanto en locais comerciais, de hostalería, edificios e centros públicos, concellos, centros de saúde, xulgados e centros educativos. Ademais, desde onte, tamén se desenvolven accións en prensa, radio, televisión e redes sociais.

Este ano, por vez primeira, a Administración autonómica está a facilitar aos 313 concellos de Galicia carteis personalizados que poden descargar a través da web www.xunta25denovembro.com.

En colaboración coas tres universidades galegas desenvolveranse un total de 7 xornadas de prevención e sensibilización da violencia sexual na mocidade. No campus de Ourense terá lugar o venres 24 de novembro .

A campaña rematará o próximo 26 de novembro, data na que terá lugar en Santiago de Compostela a quinta edición da andaina \“Camiño ao respecto\”, que percorrerá o treito que une o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro.

Na súa intervención, López Abella recordou que o compromiso contra a violencia de xénero debe estenderse aos 365 días do ano, e que é preciso seguir sensibilizando a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero.

Actividades complementarias

161117 Presentación campaña 25NPor iso, esta campaña complementarase con diversas actividades que a Secretaría Xeral da Igualdade ofertou aos concellos adheridos á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero. López Abella indicou que esta rede é \“un instrumento que busca o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación e conseguindo a súa impliación e compromiso real contra esta lacra, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade\”.

Na provincia de Ourense son 35 os concellos adheridos a esta rede dos que 20 son beneficiarios desta programación que se desenvolverá a finais deste ano e principios de 2018. Así, os concellos de Vilamartín de Valdeorras, O Carballiño e os pertencentes á Mancomunidade de Verín e Monterrei disporán de obradoiros educativos sobre \“Violencia de xénero e o novo contexto dixital", dirixidos a nenos, nenas e adolescentes e centrados no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sexting….

Nos concellos de Cenlle, Piñor e nas Mancomunidades do Ribeiro e Conso-Frieiras desenvolveranse cursos de defensa persoal e autocapacidades que consisten en adestramento físico e psíquico para crear protocolos de actuación cara diversas situacións, impartido por monitores e monitoras especialistas en defensa persoal e integrantes da Federación Galega de Loita.

O espectáculo lúdico-musical e pedagóxico \“I´ll be Watching You II\” (\“Hei estar vixiándote II\”), que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa, achegarase ao concello de Bande.

Viana do Bolo, Maceda, Paderne de Allariz, Castrelo de Miño, Avión e Xinzo de Limia colgarán as exposicións \“Á Violencia de Xénero... Dille NON!\” e \“Cartas de amor\”.

Canto a charlas informativas, A Rúa, Ourense, Ribadavia e Celanova acollerán as impartidas por persoal do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero sobre as consecuencias desta violencia nas mulleres e nos nenos e nenas, así como as pautas para a súa abordaxe. Pola súa banda, en Muíños celebraranse unhas sobre a trata de seres humanos, preferentemente mulleres e nenas con fins de explotación sexual, a cargo de persoal especializado na a atención ás vítimas deste delito.