A Xunta publica axudas para asociacións de veciños e de mulleres rurais

Foto arquivo dendealimia
A Xunta publica axudas para asociacións de veciños e de mulleres rurais

De 5.000 a 12.000 €

A orde, en réxime de concorrencia competitiva, establece as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2022 dentro do plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

A contía das axudas pode acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos. O orzamento total é de 3 millóns de euros, un 20% máis que no 2021, cando se elevaba a 2,5 millóns.

As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais. No caso das comunidades de usuarios de auga deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de augas como titulares do aproveitamento de augas para o que solicitan a subvención.