A Xunta reforza a coordinación policial para a vixilancia, disuasión e control da actividade incendiaria de cara á tempada de alto risco que comeza o 1 de xullo

160620 comite antiincendios 1
A Xunta reforza a coordinación policial para a vixilancia, disuasión e control da actividade incendiaria de cara á tempada de alto risco que comeza o 1 de xullo

A delegada territorial en funcións da Xunta en Ourense, Silvia Dorado Morales, presidiu a reunión do Comité provincial de Coordinación Policial Antiincendios

A delegada territorial en funcións da Xunta en Ourense, Silvia Dorado Morales, presidiu hoxe a reunión telemática do Comité provincial de Coordinación Policial Antiincendios para a campaña de alto risco de incendios forestais que comezará, un ano máis, o vindeiro 1 de xullo. Este órgano está formado por representantes das diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado presentes en Galicia, ademais da propia Xunta.

O obxectivo da xuntanza, na que tamén participaron representantes da Subdelegación do Goberno e membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, foi coordinar as actuacións que se levarán a cabo para previr os lumes e loitar contra a actividade incendiaria. A xuntanza de traballo serviu para ultimar os detalles da vixilancia, disuasión e control da actividade delituosa incendiaria con vistas ao inicio da tempada de risco alto de incendios. Así, consonte ao habitual nestas datas, estableceuse unha distribución dos diferentes efectivos sobre o territorio, prestando especial atención a aquelas áreas con maior incidencia deste tipo de actuacións.

160620 comite antiincendiosA través deste comité faise un seguimento, planificación e reforzo da coordinación das diferentes accións promovidas pola Consellería do Medio Rural e os diversas forzas e corpos de seguridade do Estado (fundamentalmente Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil) para loitar contra a actividade delituosa incendiaria, especialmente nas zonas con lumes recorrentes.

Así, durante a reunión, analizouse a situación das Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) caracterizadas polo número de incendios forestais reiterados (parroquias que tiveron unha media anual de 7 incendios ou máis nos últimos 5 anos) ou por unha gran virulencia dos lumes declarados. Na provincia de Ourense existen na actualidade 22 PAAI en 14 concellos.

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) mantén este ano as súas liñas básicas de actuación, pero incorpora algunhas novidades como a implementación dun completo e detallado plan de prevención aprobado pola Administración autonómica, que suporá actuar en 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas galegas.

No marco deste comité, Silvia Dorado Díaz Mouteira apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e fixo un novo chamamento á cidadanía para que denuncie calquera actividade delituosa que poida poñer en perigo a nosa riqueza forestal, xa que reiterou que 3 de cada 4 lumes son intencionados.

Neste sentido, lembrou que a Xunta ten a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, destacou que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085