Xunta e Subdelegación do Goberno colaboran nunha campaña de prevención de riscos no tractor para reducir a sinistralidade

135
Xunta e Subdelegación do Goberno colaboran nunha campaña de prevención de riscos no tractor para reducir a sinistralidade

Ourense é a provincia galega onde desde o 2011 téñense rexistrado menos accidentes laborais de tractor

Xunta e Subdelegación do Goberno colaboran en Ourense no desenvolvemento da campaña Prevención de riscos no tractor co obxectivo de reducir a sinistralidade neste ámbito con especial atención no rural.

A delegada territorial do Goberno galego en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o subdelegado do Goberno, Roberto Castro, presentaron hoxe na cidade das Burgas esta iniciativa conxunta, que se centra en alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando de cales son as causas máis recorrentes dos accidentes, e achegar as recomendacións básicas coas que se evitarían moitos sinistros deste tipo.

A campaña recolle información técnica en catro ámbitos que se consideran os máis relevantes na prevención dos riscos e pola súa incidencia causal nos accidentes con tractor como son a seguridade viaria, a protección da toma de forza e do eixo cardánico, as proteccións do tractor fronte a envorcadura e medidas contra a envorcadura.

Toda esta documentación plásmase nos 32.500 trípticos e 200 carteiras que se distribuirán nos controis de tráfico da Garda Civil en estrada específicos para tractores, nos puntos fixos da ITV e nas súas unidades móbiles para os vehículos agrarios e nos concellos galegos.

Esta campaña, tal e como destacou Díaz Mouteira, dá continuidade e completa outras actuacións que se están a desenvolver nos últimos anos por ambas administracións co mesmo obxectivo: reducir a sinistralidade e concienciar cara a unha cultura preventiva no uso do tractor, con especial fincapé no medio rural.

Marisol Díaz 2A delegada territorial fixo fincapé, ademais, no labor que está a desenvolver o ISSGA para minimizar ao máximo este tipo de accidentes salientado, ao respecto, que nos accidentes mortais en tractor máis do 95% de persoas non están afiliadas ao réxime especial agrario, é dicir, son sinistros non laborais sendo a idade medida da maior parte dos sinistros de máis de 65 anos. A meirande parte deles prodúcense cando se realizan tarefas agrarias ou nos seus desprazamentos. \“En calquera caso, preocúpannos todos e cada un dos accidentes, e queremos reducilos ao mínimo posible\”, indicou Díaz Mouteira.

Neste senso, Marisol Díaz apuntou que 2015 se pechou en Ourense, e tamén en Galicia, sen ningún accidente mortal co uso de tractor no ámbito laboral. Así na provincia rexistráronse 3 accidentes laborais, dos que dous foron leves e un grave. No que vai de ano, somentes rexistrouse un sinistro, de carácter leve. Estas cifras reflicten que Ourense é a provincia galega onde se contabilizaron menos accidentes de tractor.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Roberto Castro, subliñou a importancia desta campaña, no contexto dunha provincia coa poboación moi envellecida e rural, como é Ourense. Castro destacou os riscos que, para os condutores de tractor, representa o desprazamento destes vehículos polos camiños rurais e fincas, con importantes desniveis. Asemade, aproveitou para facer unha chamada á prudencia, no manexo de tractores.

Axenda 20

Por último, Marisol Díaz lembrou que a Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral, ten como un dos seus obxectivos principais garantir un emprego seguro e de calidade como elemento clave da competitividade.

Ademais, subliñou que o sector agrícola é clave na economía galega e, por iso, indicou que é tamén un reto prioritario mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras galegas no ámbito rural.