miércoles 22/9/21

A Xunta urxe ao Estado a actuar na conca Miño-Sil para evitar novas baixadas nos encoros e avisa de que extremará a vixilancia sobre fauna e flora

As previsións meteorolóxicas apuntan a un final de agosto seco e un período setembro-outubro dentro da normalidade, o que podería complicar o escenario xa que historicamente a chuvia do outono ten un influencia crítica sobre os encoros

210824 AVM VISITA BELESAR PORTOMARIN 1

A Xunta de Galicia considera imprescindible e urxente que o Goberno do Estado exerza un labor de vixilancia estrito e adopte as medidas oportunas para evitar novas baixadas nas reservas dos encoros hidroeléctricos da conca do Miño-Sil. No caso concreto de Belesar, Salas, As Portas e Cenza, a ocupación actualmente non chega nin ao 30% polo que o Goberno autonómico, no marco das súas competencias ambientais, extremará tamén a vixilancia e continuará coas inspeccíóns periódicas para detectar ou prever con rapidez posibles danos sobre a biodiversidade.

Así o indicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou a parte do encoro lucense de Belesar onde resulta máis visible o descenso das reservas de auga provocado nos últimos días polo baleirado continuado desta presa.

Acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, a conselleira lembrou que a demarcación hidrográfica Miño-Sil é de titularidade estatal polo que o establecemento dos caudais mínimos e o control do seu cumprimento por parte das hidroeléctricas que xestionan estes aproveitamentos compételle “en exclusiva” ao Goberno central.

“Alguén ten que explicar por que se autorizan estes baleirados, cales son os motivos, cal é o obxectivo e quen se está lucrando de todo iso. Desde logo, non é a cidadanía”, declarou.

Neste sentido, Ángeles Vázquez asegurou que nos encoros hidroeléctricos do Miño-Sil a ocupación está xa no 45%, unha porcentaxe que a sitúa como a sétima conca española con menos reservas, por detrás incluso da do Xúcar. Uns datos que contrastan coa situación actual da demarcación autonómica de Galicia-Costa.

“O que está a acontecer aquí, non está a acontecer nos encoros que están baixo o control da Xunta”, dixo Ángeles Vázquez, quen descartou tamén que o estado actual dos encoros hidroeléctricos do Miño e do Sil se poida achacar a un problema de déficit hidrolóxico xa que “choveu o mesmo o ano pasado que este ano”.

Ante esta situación, a conselleira indicou que, a día de hoxe, a principal preocupación do seu departamento son os posibles danos para as poboacións piscícolas e a biodiversidade que depende destas masas de auga.

Por iso, insistiu en que as inspeccións por parte dos axentes ambientais realizadas nos últimos días nas contornas dos encoros de Belesar, Salas, Cenza e As Portas volveranse repetir de forma periódica as veces que sexan necesarias para poder vixiar de cerca a evolución da situación e prever ou detectar posibles afeccións.

Tras insistir na importancia de que o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil dea “explicacións” sobre as saídas de auga masiva nestes encoros e as medidas que van adoptar de cara ao futuro, a conselleira advertiu de que haberá que estar moi pendentes do tempo xa que as previsións de MeteoGalicia apuntan a un final de agosto seco e un período setembro-outubro dentro da normalidade, o que podería complicar a situación xa que historicamente a chuvia do outono ten un influencia crítica sobre os encoros.

“Imos depender do tempo durante os meses de setembro e outubro para poder garantir tanto o subministro como a preservación dos valores naturais e piscícolas”, recoñeceu a conselleira, que insistiu en que “algo non se fixo ben” para chegar á situación na que actualmente se atopan algúns encoros da conca do Miño-Sil.

A Xunta urxe ao Estado a actuar na conca Miño-Sil para evitar novas baixadas nos...