O 24% das mulleres aseguran que sufriron situacións de acoso sexual no último ano

O 24% das mulleres aseguran que sufriron situacións de acoso sexual no último ano
Un 83% das mulleres e un 60% dos homes consideran que elas sofren discriminación, especialmente no ámbito laboral e á hora de acceder a un posto de traballo.

Xinzo de Limia traballa nun Plan pola igualdade de xénero. A primeira fase deste proxecto consistíu nunha enquisa para ver cales eran os resultados ás distintas preguntas formuladas respecto a situacións de desigualdade, a actitudes machistas e acoso ás mulleres.

Estes datos puxéronse sobre a mesa nunha reunión que tiveron a alcaldesa, Elvira Lama; as persoas expertas elaboradoras do plan; representantes de diferentes organizacións de mulleres; Anpas; profesionais; asociacións sindicais, económicas, deportivas, culturais e veciñais; e representantes de partidos políticos con representación municipal.

A esta enquisa responderon 205 persoas a maioría mulleres da Xeración X, e cuxos ingresos están entre os 900 e os 1200 €.

RESULTADOS.

O 76% das persoas cren que non hai as mesmas oportunidades para traballar sendo muller que sendo home

Ademais un 24% das mulleres que responderon aseguran que sufriron situacións de acoso sexual e abuso no último ano. Un 7% afirma ter recibido insultos da súa parella ou a súa ex-parella e un 6% das mulleres declarou sufrir violencia e emprego de forza para manter relacións sexuais.

Con estes datos o que se pretende é deseñar actuacións desde o Concello para axudar a estas mulleres que sofren violencia de xénero así como para levar a cabo campañas de sensibilización.

Este plan de igualdade será unha guía para distintas medidas, sistemas de avaliación e políticas de igualdade que se realizarán durante os seguintes catro anos.