3 de cada 10 estudantes dos ciclos do IES Antioquía logran emprego

IES-Cidade-de-Antioquia
3 de cada 10 estudantes dos ciclos do IES Antioquía logran emprego

Tamén dispoñen de prácticas en empresas para, posteriormente, pasar a formar parte da bolsa de emprego.

A bolsa de emprego do IES Antioquía de Xinzo de Limia é un sistema de inserción laboral que foi creado o pasado ano 2015. Segundo os responsables do centro educativo son cada vez máis coñecidas no tecido empresarial comarcal. Segundo informan, a porcentaxe de inserción vén de superar o 30 por cento. Dende a institución valoran moi positivamente este dato segundo a situación sociolaboral existente neste momento.

A bolsa de traballo do IES Antioquía está composta por técnicos en Administración e Finanzas, Auxiliares Administrativos, técnicos superiores en Xestión Forestal e do Medio Natural e técnicos en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.

Durante o mes de marzo dous titulados técnicos superiores en Xestión Forestal lograron inserción laboral nun viveiro de Maceda grazas a esta bolsa de emprego –con contratos dun ano cada un–. Na actualidade estase celebrando outro proceso de selección de titulados na mesma rama para outro viveiro de Ourense.

Así mesmo 25 alumnos do centro completarán tres meses de traballo en empresas –con contratos de prácticas– co obxectivo de acadar a súa titulación e pasar a formar parte da exitosa bolsa de emprego.