viernes 3/12/21
cen mil euros cada ano se comprometen para este plan

300 intervencións para eliminar as barreiras arquitectónicas e favorecer a inclusión no Plan de accesibilidade de Xinzo

O informe, realizado da man de Cogami, establece actuacións ao longo dunha década e comprometeranse partidas orzamentarias anuais por valor de ao redor de 100.000 euros cada unha

Elvira Lama, Rafa Penabad,Anxo Queiruga, Alvaro García,  e Oscar Pena
Elvira Lama, Rafa Penabad,Anxo Queiruga, Alvaro García, e Oscar Pena

Non houbo unha rúa que non se mirase con lupa. As barreiras arquitectónicas de Xinzo de Limia xa son de sobra coñecidas polos técnicos municipais e os de Cogami, organización de referencia en Galicia para as persoas con discapacidade. Durante preto de tres meses traballaron sobre o terreo e man a man para elaborar o primeiro Plan de Accesibilidade do municipio. O informe foi presentado esta mañá pola alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad; o presidente de Cogami, Anxo Queiruga; o coordinador da área de accesibilidade de Cogami, Álvaro García, e o directivo de Algaria, Óscar Pena.

A rexedora explicou que o informe contempla 300 intervencións que se levarán a cabo en distintas fases e nun período de tempo dunha década. Para eliminar as barreiras arquitectónicas, comprometeranse partidas orzamentarias anuais cun importe de ao redor de 100.000 euros cada unha delas. Lama insistiu na importancia que a data de hoxe ten no calendario, xa que a elaboración do plan é o primeiro paso para facer de Xinzo un lugar no que todos os veciños conten con autonomía: “Xinzo será un concello modelo en canto á accesibilidade e inclusión das persoas con diversidade funcional e mobilidade reducida. A plena inclusión ten que ser o noso obxectivo, para que veciños e visitantes conten con espazos máis humanizados”.

O presidente de Cogami, Anxo Queiruga, insistiu en que “a accesibilidade non vai en contra de ninguén, senón que facilita a vida de todos”, e explicou que este plan será unha folla de ruta para o desenvolvemento de futuras actuacións en materia de infraestruturas, ademais dunha guía para as rehabilitacións. Así, o documento prevé intervencións en todos os edificios públicos do concello.

Pola súa parte, o coordinador da área de accesibilidade de Cogami, Álvaro García, destacou a vantaxe de Xinzo con respecto a outros municipios á hora de levar a cabo intervencións para eliminar as barreiras arquitectónicas: “Non hai problema coas pendentes nas rúas e así é máis sinxelo realizar as actuacións. Debemos de facer unha vila que sea cómoda para todo o mundo”.

Áreas de intervención especial

Hai diferentes espazos de Xinzo de Limia que merecen unha atención especial para mellorar a vida cotiá de moitas persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida. Así, o plan contempla áreas de intervención especial como o parque do Pombal, a praza da Liberdade, a avenida de Ourense no cruce coa pista de Morgade ou o Camiño Rosalía de Castro. Ademais, cómpre destacar que non só se puxo a lupa sobre os edificios de titularidade municipal, senón que se fixo unha análise pormenorizada nos centros educativos de primaria e secundaria.

Comentarios