86 candidatos para 20 postos no obradoiro de emprego Xinzo-Sandiás

Obradoiro Vía da Prata (Foto cedida)
86 candidatos para 20 postos no obradoiro de emprego Xinzo-Sandiás

Un total de sesenta persoas optan a unha praza das 16 ofertadas nas especialidades de xardinería e albanelería, mentres que 7 optan ao posto de director, cinco á de administrativo e 16 aspiran ás dúas vacantes de monitor docente.

A listaxe de admitidos e excluidos podes vela premendo aquí

O obradoiro de emprego que fomentará a inserción laboral e revalorizará a Vía da Prata ao seu paso por Xinzo de Limia e Sandiás espertou un gran interese. Son preto dun cento os aspirantes a algunha das prazas que se ofertan. Máis en concreto, un total de sesenta persoas optan a unha das 16 vacantes nas especialidades de xardinería e albanelería, mentres que 7 optan ao posto de director, 5 á de administrativo e 16 ás dúas prazas de monitor docente.

A lista de preselección do persoal admitido como candidatos e candidatas para participar ao proceso de selección do programa Obradoiro de emprego na Vía da Prata pode consultarse na páxina web do Concello de Xinzo de Limia. Os aspirantes deberán presentarse mañá e o 8 de outubro á entrevista programada para ás 8.00 horas na casa consistorial.

A selección definitiva dos 16 alumnos e alumnas e a súa distribución por especialidades será efectuada pola comisión de selección. O grupo de traballo realizará unha entrevista persoal, que será previa á aplicación dos criterios obxectivos para avaliar o interese dos candidatos en participar no proxecto e as súas aptitude e capacidades, tanto as de carácter xeral como as relativas a súa adecuación ás singularidades da iniciativa formativa.

O alumnado traballador será contratado por un período de nove meses a xornada completa baixo a modalidade de contrato para a formación e o aprendizaxe e percibirá as retribucións que lle correspondan de conformidade co previsto na normativa vixente.

Favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas de 18 ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral é o obxectivo do Obradoiro de Emprego na Vía da Prata, que revalorizará o Camiño ao seu paso por Xinzo de Limia e Sandiás. Estes dos concellos uniron as súas forzas ao solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha da iniciativa e crear unha agrupación para a xestión compartida.

As actuacións que se levarán a cabo no concello de Xinzo contemplan a mellora da pavimentación e accesibilidade no Camiño (Avenida de Ourense, parque Pombal e Rosalía de Castro) e a rehabilitación dunha área degradada á beira do río Limia, ao lado do parque da Seara e a estrada de Baltar, para convertela en parque urbano. Cómpre destacar que nesta antiga escombreira proxéctanse obras para a construción dun novo servizo de esparcemento dos peregrinos e unha bancada no desnivel que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre, ademais da creación dun novo xardín.