O 90% da roupa usada recuperada en Xinzo ten unha segunda vida

O 90% da roupa usada recuperada en Xinzo ten unha segunda vida
Humana recolle máis de 10 toneladas no primeiro semestre e evita a emisión de 64 toneladas de CO2.

A recollida selectiva e xestión de residuos téxtiles permitiron recuperar máis de 10 toneladas en Xinzo da Limia durante o primeiro semestre por parte de Humana Fundación Pueblo para Pueblo, o equivalente a 42.500 prendas. O 90% de todos eles alongaron o seu ciclo de vida grazas á reutilización e á reciclaxe, dous elementos fundamentais para a economía circular e a creación e mantemento de emprego de calidade (empregos verdes). Ademais, esta xestión de residuos téxtiles evitou a emisión de 64 toneladas de CO2.

As pezas recuperadas almacénanse inicialmente na planta de transferencia que Humana ten en Santiago e posteriormente clasifícanse na planta de preparación para a reutilización que ten en Leganés (Madrid). “O primeiro obxectivo é sempre a reutilización, porque o artigo máis sostible é o que xa está fabricado e non ten máis custos nin impactos na produción; despois a reciclaxe; finalmente, cando non queda outra, a valorización enerxética ou o seu envío ao vertedoiro”, sinala Rafael Mas, director de Proxectos e Relacións Exteriores de Humana.

A recente Lei 07/22 de Residuos e Chans Contaminados para unha Economía Circular prohibe a destrución do excedente; determina que a recollida selectiva de residuos téxtiles, de competencia local, será obrigatoria en todos os concellos antes do 31 de decembro de 2024; apoia firmemente a reutilización; promove a implantación de diferentes figuras de Responsabilidade Ampliada do Produtor (RAP), e obriga a reducir a cantidade de residuos urbanos que chegan ao vertedoiro.