A Xunta autoriza a transferencia dun treito de vía provincial a prol do Concello de Xinzo

Tramo cedido ao concello
A Xunta autoriza a transferencia dun treito de vía provincial a prol do Concello de Xinzo
Trátase do treito inicial de 310 metros de lonxitude da vía provincial OU-1102, desde o cruce coa rúa San Sebastián ata a intersección con Marcelo Macías.

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se autoriza o cambio de titularidade a prol do Concello do Xinzo de Limia do treito da estrada provincial OU-1102, denominada rúa Curros Enríquez, desde o cruce coa rúa San Sebastián ata a intersección coa rúa Marcelo Macías.

A Deputación de Ourense solicitou autorización da Xunta da cesión da titularidade a prol do Concello e emitiu informe favorable para a transferencia do treito inicial desta vía provincial que comunica Xinzo de Limia e Vilar de Barrio. O treito obxecto do cambio de titularidade, de 310 metros de lonxitude, comeza á altura do punto quilométrico 0 e remata no punto 0+310.

A transferencia a prol do Concello de Xinzo de Limia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade aprobado hoxe, o Concello terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.