Aberto o prazo para anotarse no obradoiro de emprego de Xinzo

Casa concello Xinzo
Aberto o prazo para anotarse no obradoiro de emprego de Xinzo

16, serán as prazas a cubrir, tendo como primeiro requisito ser maior de 18 anos.

Bases de selección

Favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas de 18 ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral. Este é o obxectivo do Obradoiro de Emprego na Vía da Prata, que revalorizará o Camiño ao seu paso por Xinzo de Limia e Sandiás. Estes dos concellos uniron as súas forzas ao solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha da iniciativa. e crear unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación con 16 alumnos traballadores durante un período de tempo de nove meses. En concreto, serán oito traballadores dedicados á albanelería e outros tantos á xardinería.

As actuacións que se levarán a cabo no concello de Xinzo contemplan a mellora da pavimentación e accesibilidade no Camiño (Avenida de Ourense, parque Pombal e Rosalía de Castro) e a rehabilitación dunha área degradada á beira do río Limia, ao lado do parque da Seara e a estrada de Baltar, para convertela en parque urbano. Cómpre destacar que nesta antiga escombreira proxéctanse obras para a construción dun novo servizo de esparcemento dos peregrinos e unha bancada no desnivel que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre, ademais da creación dun novo xardín.

A subvención da Xunta ascende a 277.556 euros. Ambos concellos deberán financiar o 100 % das actuacións que se realicen no seu territorio, se ben a subvención da Xunta de Galicia corresponderase co custo salarial dos 16 alumnos.

Os participantes neste obradoiro de emprego serán desempregados maiores de 18 anos que recibirán un certificado, coa duración en horas da súa participación no programa, o nivel de formación teórico-práctica adquirido, os módulos formativos cursados e un diploma. As bases de selección do alumnado poden consultarse na páxina web do Concello.