“Abriron toda unha fiestra no relacionado á saúde física, mental e sexual da muller”

IMG_3687
“Abriron toda unha fiestra no relacionado á saúde física, mental e sexual da muller”
Así definía Lola Rico, a coordinadora da Escola Rural de Saúde da Limia ás matronas que se achegaron a Xinzo...

Así definía Lola Rico, a coordinadora da Escola Rural de Saúde da Limia ás matronas que se achegaron a Xinzo para falar do seu traballo nun obradoiro

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @MariaFdezRomero

En Xinzo, a pesar do seu número de habitantes, non hai matrona. E as mulleres limiás demándana. É por iso que a Escola Rural de Saúde da Limia comezou a moverse para poñer o foco sobre a importancia de ter unha profesional coma esta no ambulatorio local, pois faise necesaria para a “saúde das mulleres durante todo o seu ciclo vital”. Co afán de facer chegar esta idea á poboación xeral organizaron un obradoiro na Casa da Cultura o pasado 31 de maio.

O taller “A matrona na vida da muller” foi impartido por Antía González, Marisol De Diego, Elena Rodríguez e Belén Vázquez, todas elas da Asociación de Matronas de Galicia. Estas profesionais dedicaron toda unha tarde a quen quixo participar na actividade, e tal e como nos contou Lola Rico, a coordinadora da Escola de Saúde, “viñeron cargas de ferramentas para aprender moitas cousas”. Entre elas, e sempre desde un punto de vista moi práctico, falaron sobre os exercicios de Kegel para o fortalecemento do só pélvico. Unha rexión da anatomía feminina que se debilita co embarazo ou a práctica de deportes de impacto, o que pode chegar a provocar, co paso do tempo, unha redución de pracer nas relacións sexuais ou perdas de urina. Deixaron claro que neste tema “o fundamental é a previsión”, para a que existen dispositivos coma as bolas chinesas, os conos vaxinais ou os fortalecedores de só pélvico que ademais contan entre os seus beneficios, con ser unha axuda na prevención de hemorroides.

Cancro de mama

O consello e o papel destas enfermeiras que contan con dous anos extra de especialización é tamén esencial á hora da detección precoz do cancro de mama. Ás asistentes ao obradoiro explicáronlle tódolos detalles da autoexploración mamaria e recordaron a importancia das citoloxías.

Sexo e saúde

No referente á saúde sexual das mulleres, se cadra un tema no que aínda hai demasiados prexuízos e tabús sobre todo entre o propio colectivo feminino, as matronas quixeron deixar claro que “a sexualidade é parte integrante da personalidade de todo ser humano, que esta é dinámica e cambiante con respecto á idade e á experiencia, que inflúe nos nosos pensamentos e experiencias e que contribúe á saúde física e mental”.

En definitiva, e tal e como nos explicou Lola Rico as relatoras “abriron toda unha fiestra no relacionado á saúde, física, mental e sexual da muller, á que se lle dará continuidade nun próximo taller sobre a menopausa que será impartido por unha xinecóloga o vindeiro 3 de xullo”.