Agradecemento polo comportamento da poboación nestas últimas semanas

Elvira Lama
Agradecemento polo comportamento da poboación nestas últimas semanas

A metade dos ingresados na UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense eran da nosa comarca

O Domingo de Piñata, teríamos que estar despedindo o Entroido, pero este ano non puido ser. As circunstancias obrigáronnos a facer o que nunca fixéramos, suspender en Entroido co que ninguén tiña podido ata o de agora. Por iso que debemos facer un recoñecemento ao comportamento exemplar de toda a veciñanza. Temos demostrado que os sacrificios persoais, quedando na casa e respectando as normas sanitarias, deron o seu froito. Grazas a eles fomos quen de baixar o número de casos de 247 o Domingo Fareleiro ata os 17 do día de hoxe. 230 caos menos en menos dun mes.

Quedémonos con que este gran esforzo compartido para preservar a nosa saúde deu un moi bo resultado do que debemos estar especialmente satisfeitos, aínda que sen baixar en ningún momento a garda, pois isto non ten rematado, nin moito menos.

Pero o que tamén quero facer en primeira persoa é pedir desculpas ás persoas que nalgún momento se puideron sentir molestas ou incómodas pola vixiancia policial, pois é certo que durante as últimas fins de semana houbo unha presencia importante das forzas e corpos de seguridade nas rúas da nosa vila.

Insisto nas desculpas, pero a situación no noso pobo chegou a ser tan dramática que todas as precaucións parecían poucas para protexer a nosa saúde, que era e seguirá sendo o noso principal obxectivo. Porque non só eran o 247 casos que chegamos a ter activos, así como unha das incidencias máis elevadas de España, senón que no peor momento desta terceira onda, a metade dos ingresados na UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense eran da nosa comarca. Ante esta situación, decidimos que non se podía volver a repetir o ocorrido no Nadal, que foi o obxectivo último de todas as medidas que tomamos e as recomendacións que fixemos.

Por iso que tamén quero agradecerlle ás forzas e corpos de seguridade a súa colaboración, así como a toda a comunidade educativa e sanitaria a súa participación e apoio á campaña que puxemos en marcha desde do Concello coa mensaxe de “O Entroido volve, a vida non”. E por suposto o seu incansable traballo diario.

E así será. O Entroido volverá con máis forza que nunca e volveremos a celebralo con tantas gañas coma sempre, pero este ano tiñamos algo moito máis importante que facer: coidarnos e coidar das nosas veciñas e veciños. A toro pasado, penso que soubemos estar á altura das circunstancias, o que debe ser motivo de orgullo para todos e todas.