Agricultores da Limia realizaron unha visita profesional a Holanda

POTATO EUROPE 2017
Agricultores da Limia realizaron unha visita profesional a Holanda

O plan de viaxe consistiu en cinco visitas organizadas durante tres días

Un grupo de 17 agricultores de Xinzo de Limia participaron nunha viaxe profesional a Holanda para coñecer as novidades do sector e participar na feira internacional "Potato Europe". Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto "Novas alternativas de cultivo para a comarca da Limia", liderado pola Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

Foi esta unha gran oportunidade para coñecer en profundidade os novos desenvolvementos do sector.

Para a realización desta actividade contouse co apoio do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), como socio do grupo operativo. Este proxecto conta coa financiación da Consellería de Medio Rural, dentro de programa de "Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI)", cofinanciados co FEADER para o ano 2016.

O plan de viaxe consistiu en cinco visitas organizadas durante tres días a almacéns dedicados a pataca de sementa, selección de tubérculos, etc. e explotacións de cultivo holandesas. Trátase de fábricas altamente automatizadas que permitiron o acceso aos agricultores galegos, achegando a súa experiencia no procesado, almacenamento e comercialización de pataca, cereais e outros cultivos alternativos. Visitaron tamén unha fábrica de maquinaria agrícola, onde se asistiu a un relatorio sobre os últimos avances en equipamento. O día 14 asistiron á Feira internacional "Potato Europe 2017", na cidade de Emmeloord, Holanda, coñecida como a "Word Potato City".

Foi esta unha gran oportunidade para coñecer en profundidade os novos desenvolvementos do sector profesional da pataca, desde novidades en sementes, innovación en maquinaria, abonado, fertilización, técnicas de almacenaxe e conservación, así como de novos produtos en xeral relacionadas co cultivo da pataca.