O alcalde de Xinzo defende a "escrupulosa legalidade" da planta asfáltica

Alcalde xinzo 1
O alcalde de Xinzo defende a "escrupulosa legalidade" da planta asfáltica

O rexedor limián afirma que "o proxecto cumpre coa legalidade e nós, como grupo de goberno, temos que ter en conta que calquera licenza é un acto regrado e non pode ser discrecional"

A Sociedade Galega de Historia Natural denunciou a posibilidade de que se derramen substancias nocivas ou tóxicas na pranta. O alcalde responde afirmando que esa posibilidade haina en calquera industria e compárao coas centrais de enerxía nuclear, que teñen medidas de control "extremas". "Aquí fíxose un plan de impacto ambiental e cumprírono escrupulosamente", comenta.

Antonio Pérez: "Aquí fíxose un plan de impacto ambiental e cumprírono escrupulosamente"

"Hai que lembrar que nós tivemos unha oposición no 2014 a este proxecto que era supramunicipal", afirma tamén o rexedor limián. Dende aquela data fixeron alegacións veciños e colectivos ecoloxistas pero, segundo Pérez, "a Xunta continuou coa tramitación". O alcalde xustifica a concesión da licenza con que "no ano 2016 hai un cambio de normativa e con iso unha serie de proxectos pasan a ser de competencia municipal". Antonio Pérez comentou que eles xa recibiran "hai moito tempo todos os informes sectoriais da Xunta de Galicia e todos eles son favorables". "O proxecto cumpre coa legalidade e nós, como grupo de goberno, temos que ter en conta que calquera licenza é un acto regrado e non pode ser discrecional", continuou.

O alcalde chegara a afirmar a La Voz de Galicia no 2014 que deixaría o seu cargo se o proxecto da planta asfáltica se facía realidade.

Preguntado pola súa postura no 2014

O alcalde afirmaba no pasado 2014 en declaracións a La Voz de Galicia que "atopamos un subterfuxio da lei que permite paralizar estas cousas en casos de alarma social e vouno facer". Así mesmo, nesas mesmas datas chegara a afirmar que deixaría o seu cargo se o proxecto da planta asfáltica se facía realidade, como así recolle tamén La Voz de Galicia nunha nova do 29 de xullo do pasado ano 2014. De feito, tralo pleno celebrado hai 3 anos no que se paralizaran as obras da planta, o rexedor explicaba a Europa Press que contaba cun informe de técnicos municipais que indicaba a "incompatibilidade urbana coa planta de asfaltos", ademais de orixinar "moita inquietude veciñal, por ser nociva e perigosa para a saúde", segundo Pérez.

Os veciños, organizados, avisaron de que van recorrer a licenza.

Neste senso, preguntado polo seu suposto cambio de opinión, Antonio Pérez afirma que "a empresa agora cumple todos os requisitos legais" e que non ten "outra alternativa". Así mesmo, negouse a valorar a postura doutros alcaldes da comarca que son reticentes co proxecto, porque "eu non acostumo a meterme nos proxectos doutros concellos". Os veciños, organizados, avisaron de que van recorrer a licenza.