O alcalde de Xinzo pídelle á Xunta máis axudas ó sector agrícola e gandeiro

conde
O alcalde de Xinzo pídelle á Xunta máis axudas ó sector agrícola e gandeiro

A petición tivo lugar nun acto informativo sobre axudas á empresa

Os empresarios da Limia acudiron na tarde do venres ó salón de plenos do Concello de Xinzo, para participar nunha xornada informativa sobre axudas á empresa.

Tamén asistiron algúns alcaldes de municipios da contorna. asistentes

O alcalde, Antonio Pérez, non quixo desaproveitar a ocasión para pedirlle ó conselleiro de economía, Francisco Conde, máis achegas para o sector agrícola e gandeiro.

O rexedor salientou que a Comarca da Limia é a zona por excelencia da agricultura e gandería e por iso lle pediu á Xunta máis apoio económico. Antonio Pérez mesmo resaltou "en Santiago cando comedes patacas son da Limia".

O conselleiro recolleu a súa petición e incidiu en que a Administración Galega está traballando arreo para que a empresa galega se manteña e se creen outras novas. Neste sentido salientou que están a traballar no apoio ó empresario autónomo cunha partida de 19,5 millóns. Outro dos puntos que resaltou é que a Xunta contempla axudas á contratación de mozos e mozas por parte das PEMES galegas, con incentivos á contratación indefinida. Do mesmo xeito, na xuntanza de onte tamén se informou dunha partida de 1,3 millóns de euros destinada a contratar persoas discapacitadas.

Os emprendedores tamén tiveron o seu oco nesta sesión coas achegas que o Instituto Galego de Promoción Económica concede a un proxecto emprendedor. Contan con axudas a fondo perdido que se cobran unha vez se execute dito proxecto e tamén contan coa financiación subvencionada. O IGAPE constata que unha empresa emprendedora é aquela que ten ata 42 semanas de vida, independentemente da idade do emprendedor.Na súa páxina www.igape.es atópase toda a información referente a axudas vixentes e prazos para solicitalas.

A información correu a cargo do subdirector de información do IGAPE, Curro López e a secretaria xeral de emprego, Covadonga Toca.