O alumnado da ESO incorpórase ás clases no medio dun temporal administrativo

alumnos
O alumnado da ESO incorpórase ás clases no medio dun temporal administrativo

As administracións apuran os trámites para estrear o curso da LOMCE

O IES Cidade de Antioquía e o IES Lagoa de Antela abriron as portas ás 8,30 da mañá para recibir ós alumnos e alumnas da ESO. Caras de sono e de moito frío para comeza un novo curso marcado polas directrices da LOMCE.

Esta nova etapa educativa inclúe máis horas de matemáticas nos cursos impares de secundaria. Serán en total tres horas máis de cálculo á semana. En bacharelato empezan os novos itinerarios con tres modalidades. Unha delas Ciencias Sociais e Humanidades, outra de Ciencias e unha máis de Arte. O alumnado terá cinco asignaturas comúns en cada modalidade e outras sete horas semanais poderán combinarse con asignaturas específicas, de libre configuración ou troncais.

Os novos cambios que trae o curso esíxenlle un gran esforzo ás administracións dos centros. Duro traballo que teñen por diante para adaptar as programacións e xestionar os bancos de libros para dous niveis da ESO. A Xunta de Galicia sacou a maiores un cheque de última hora con valor de 50 euros para mercar material. "A xestión das axudas de libros en setembro, as matriculacións...xúntanse moitos trámites administrativos que esixen dun gran esforzo",sinala o director do IES Cidade de Antioquía, Rubén Garrido.

A eso hai que sumarlle que o profesorado non crece. "Aumentamos os grupos de primeiro da ESO a cinco,aínda que nos corresponden catro,para poder traballar con máis comodidade, aínda que esto supoña máis horas de traballo porque hai menos profesorado", sinala o vicedirector do IES Lagoa de Antela, Miguel Yebra.

Con todo, o esforzo administrativo non impediu que o curso comezase con normalidade nos dous institutos de Xinzo de Limia.

Sobre a temida reválida, haberá que esperar a ver os resultados. Polo momento trátase dunha proba de caracter orientativo que non vai incidir na nota final do alumno ou alumna.