Amador Díaz, novo alcalde de Xinzo co apoio dos votos do PP

Momento da entrega do bastón de mando
Amador Díaz, novo alcalde de Xinzo co apoio dos votos do PP

Tomou posesión do bastón de mando esta mañá nun pleno bastante tenso

Todo estaba preparado para que as 13:00 se celebrara o pleno extraordinario de toma de posesión do novo rexedor municipal, que dende onte a última hora da noite, xa se sabía que ía ser Amador Díaz cabeza de lista pola agrupación independente AXIL, apoiado neste caso cos votos do Partido Popular.

PLENO BASTANTE TENSO E CON ESPERANZA

Cando se ía achegando a hora o salón de plenos xa estaba totalmente ocupado por veciños e veciñas que non querían perderse nada do que alí ía acontecer. Moitos ou polo menos unha gran parte dos que puideron asistir en directo, pola pouca capacidade do salón, tiñan “cara” de que ía ocorrer o milagre e a última hora algún concelleiro moi significativo do grupo de Amador Díaz, reconsiderara o seu voto, cousa que non sucedeu.

Despois do xuramento dos concelleiros e concelleiras pasouse a votación para elixir ao alcalde ou alcaldesa, posto que solo dúas foron as persoas que levantaron a man cando o presidente da mesa de idade preguntou polos candidatos. Elvira Lama e Amador Díaz, foron os únicos candidatos. Por maioría dos presentes decidiuse que a votación fose a man alzada. A candidatura de Elvira Lama recibiu os votos dos seus e máis dos dous concelleiros do BNG e a candidatura de Amador Díaz, recibiu os votos dos seus 3 concelleiros e os 4 do Partido Popular, quedando elixido automaticamente Amador para ser o alcalde estes catro anos.

Saudo de Moncho a Amador ao fin do acto
Saudo de Moncho a Amador ao fin do acto

O público asistente, a maioría pertencente aos grupos de esquerdas recibiu esta votación con algún que outro pitido e abandono posterior do salón en sinal de protesta polo que alí estaba a suceder e as votacións.

Amador Díaz deu o seu discurso de comezo de lexislatura, tal e como é protocolario nestas casos agradecendo o apoio dos concelleiros que o votaron, e botando a man aos outros para traballar conxuntamente para conseguir un Xinzo mellor.

Rematado o discurso o xa novo alcalde recibiu as felicitacións de maioría dos concelleiros aínda que algúns negáronse a facelo abandonado o salón de plenos, se facer a “foto de familia” tradicional que se soe facer ao principio de cada lexislatura.