O Concello de Xinzo de Limia, en vista da situación provocada pola pandemia da COVID-19, decide suspender a celebración das festas patronais de 2020 (Santa Mariña), que se deberían celebrar o próximo mes de xullo.
Logo de analizar detidamente todas as posibilidades, o grupo de goberno entende que na situación actual que estamos a padecer non se poden garantir as condicións mínimas de seguridade para levar adiante eventos destas características.
Somos conscientes do prexuízo que representa neste ano atípico esta medida para todo o tecido cultural e empresarial que se desenvolve arredor da celebración das nosas festas, mais consideramos que é a decisión máis responsábel pensando na saúde da veciñanza.Como alternativa, estamos a traballar nunha programación de actividades culturais, lúdicas e de ocio en días festivos e fins de semana nas que se poidan cumprir as recomendacións de seguridade: aforos limitados e controlados, separación inter-persoal, etc. coa vista posta tamén en reactivar o sector comercial, os servizos e a hostalaría, apelando a que os nosos veciños e veciñas consuman no pobo sen ter que desprazarse.
Agardamos superar esta situación o antes posíbel e retornar no vindeiro ano cunha celebración colectiva da que poidamos gozar todas e todos, como foi tradicionalmente.