No comunicado adxunto quere expresar a súa postura e o traballo que está a levar para esclarecer a situación da aula nova da Galiña Azul
Ante as declaracións dos representantes das familias no Consello Escolar da Escola Infantil de Xinzo de Limia A Galiña Azul, amosando as súas dúbidas sobre a seguridade e legalidade da nova aula que o Concello habilitou no centro e que presuntamente se pretende abrir en breve espazo de tempo, ANOVA da Limia, mediante este comunicado, quere amosar todo o seu apoio ás familias usuarias da Escola Infantil de Xinzo de Limia e, especialmente, aos representantes das nais e pais no Consello Escolar do citado centro. Do mesmo xeito, compartimos a súa preocupación ante o descoñecemento de cal é a situación legal, así como as condicións de seguridade e idoneidade para funcionar como unha aula educativa para nenos/as, da nova aula que se habilitou durante o mes de agosto e que aínda non está en funcionamento. Ademais, queremos sinalar que dende ANOVA da Limia estamos tratando de facer todo o posible por coñecer, non só a situación legal desa nova aula, senón tamén comprobar que se realizaron os trámites oportunos establecidos pola lei- en forma e prazo, antes, durante e despois de que se acometese a citada obra. Neste senso, queremos comunicar que o pasado mércores, 17 de setembro, o concelleiro de ANOVA na Corporación de Xinzo, Manuel Pérez Campos, solicitou por escrito no Concello ver a documentación en relación a esta obra. A día de hoxe, transcorridos 9 días, aínda non se procedeu por parte do grupo de goberno do PP a amosarlle a citada documentación, nin sequera se lle dixo en que momento poderá consultar o expediente desa obra. Ante esta situación, queremos poñer en coñecemento dos cidadáns e cidadás de Xinzo de Limia que dende ANOVA da Limia volveremos insistir na nosa petición de consultar os documentos requiridos ao Concello, para podermos quedar tranquilos e comprobar que a nova aula que se pretende abrir cumpre con todos os requisitos de seguridade, equipamento e construción establecidos na lexislación vixente. Consideramos que os nenos/as de Xinzo son o futuro da vila, o ben máis prezado que temos, e queremos asegurarnos de que non corre ningún tipo de risco a súa integridade física. Do mesmo xeito, instamos ao Concello a que realice a ampliación do citado centro educativo nas condicións óptimas, tal como estaba proxectado e mesmo orzamentado anteriormente. A finca que hai pegada ás actuais instalacións da citada escola é de titularidade municipal. Nun principio estaba proxectada a ampliación do centro nesa parcela e agora semella que se desiste de realizala, non entendemos por que razón. Cremos que o goberno municipal do PP está, non só traizoando á cidadanía ao incumprir os seus compromisos electorais, senón privando aos cativos do Concello e ás súas familias de poder gozar dunha Escola Infantil con espazo suficiente para todos os nenos e nenas que o precisen e nas condicións mínimas establecidas na lexislación vixente. Denunciamos tamén o escurantismo co que o PP está a levar este asunto. Non se entende por que motivo non se informa, non xa a este concelleiro da oposición, senón que nin aos propios representantes dos pais e nais no Consello Escolar do centro, non amosándolles a documentación que solicitaron ver tal e como eles afirman- na última reunión do citado órgano da Escola Infantil, e como veñen de manifestar nos medios de comunicación. O alcalde máximo responsable da vila- e o concelleiro competente na materia deberían ser conscientes de que coa súa postura, non informando e poñendo á disposición da cidadanía o expediente das obras realizadas, están alimentando o medo e as dúbidas entre os pais e nais dos cativos que acoden a ese centro educativo. Finalmente, dende ANOVA da Limia queremos transmitirlle ao pobo de Xinzo que continuaremos a traballar polo benestar de todos os veciños e veciñas e, especialmente, dos máis vulnerables, como neste caso son os nenos e nenas.