Antón Riveiro voltou a Xinzo a presentar a súa última novela

33
Antón Riveiro voltou a Xinzo a presentar a súa última novela

A Ferida do Vento é "unha homenaxe a Xinzo e a Carlos Casares".

Na tarde-noite do venres, a Casa de Cultura de Xinzo acolleu a presentación do último traballo do escritor –e Fillo Predilecto da vila de Xinzo– Antón Riveiro Coello.

O escritor estivo acompañado na súa presentación polo tamén escritor, Delfín Caseiro; Carlos Lama, da editorial Galaxia; Manolo Seoane e o concelleiro e deputado, Carlos Gómez.

Carlos Lama, o seu editor, foi o primeiro en intervir para describir tanto esta novela como case tódolos traballos do escritor como "unha novela de formación". Dixo de Riveiro que é "un autor sistemático", pois "cada ano saca un novo traballo".

A FERIDA DO VENTO

Segundo o propio autor "é unha ollada lírica que conclúe o traballo iniciado con Casas Baratas, onde comecei amosando as miñas lembranzas de infancia, e que nesta derradeira obra se amplían cun romance que se desenvolve arredor da iniciación amorosa do protagonista".

34Segundo Riveiro, o propio autor, "esta novela está dedicada aos seus veciños e, sobre todo, á memoria de Carlos Casares, precisamente no ano en que foi designado para a celebración do Día das Letras Galegas". Nembargantes, non esquece que tamén serán outros os que a lean, e poidan tamén imaxinar as vivencias propias, dende outra vila calquera de Galicia.

El prometéralle a Carlos Casares escribir algo sobre "os tolos" de Xinzo, que define como "persoas cheas de liberdade", que nos días de hoxe estarían totalmente medicados, co cal non destacarían absolutamente por nada.

NON TODO NA OBRA ESTÁ RELATADO COMO FOI

Antón sincerouse dicindo que varias cousas relatadas na obra, non ocorreron exactamente como el as conta. Pero iso ten que ser para que os personaxes reais, pasen de algunha maneira a ser ficción de cara a todos aqueles que non os coñeceron. Tamén recoñece que tivo que mentir coa idade propia que tan só era de 13 anos, pero que na novela, por certas "vivencias relatadas", nestes nosos días poderían ser interpretadas de "precoces".

RELATO DA ORIXE DO LIBRO

35

No ano 2001, logo de presentarmos en Santiago a miña novela As rulas de Bakunin, Carlos Casares e mais eu xantamos no restaurante Carretas e estivemos a falar durante varias horas deste tipo de seres, comparando os tolos da súa época cos da miña [...]. Nunha altura da conversa , cando el xa encetara o seu habano, faleille dos meus tolos e animoume a escribir un libro con todos eles. Como vin que a idea lle parecía fantástica , adquirín con el un compromiso que , tras algún esbozo, ficou na nada. Por riba, como Carlos, por desgraza, non tardaría en deixarnos, abandonei por un tempo a idea e sentinme liberado dunha promesa difícil de cumprir […] O certo é que no mes de xullo do 2014, xusto no dia que a vila de Xinzo me facía o seu fillo predilecto, subín con varios amigos á casa na que nacín e alí, logo de que se materializasen algunhas pantasmas do pasado, espertou en min o desexo de corresponder a tanto cariño e xenerosidade cunha novela que atendería tamén a encarga de Carlos Casares.