Antonio Pérez "un ano positivo no que reducimos a débeda do concello e démoslle vida ó polígono industrial"

alcalde xinzo2
Antonio Pérez "un ano positivo no que reducimos a débeda do concello e démoslle vida ó polígono industrial"

Un ano pasou dende que se celebraron as eleccións municipais e nas que Antonio Pérez se fixo de novo coa alcaldía de Xinzo de Limia. O rexedor califica este tempo como "un ano positivo dentro da medida no cal seguimos reducindo a débeda municipal, en 5 anos baixou dun 137% a un 68%".

A consecuencia de seguir o plan de axuste foi a suba de impostos para os veciños que neste 2016 se conxelaron e non sufriron un incremento. Outra das medidas que se aprobou foron os recortes no Concello co fin, di o alcalde, de normalizar a situación das arcas municipais. "Baixamos custes como en telefonía que pasamos de gastar 5000 euros ó mes a 950, na piscina climatizada metemos unha calderia de biomasa que nos permite baixar a factura de 80.000 euros ó ano a 40.000 e o mesmo fixemos coa luz onde reducimos o gasto en 300.000 euros ó ano e os salarios do persoal tamén se recortaron", aclara o rexedor de Xinzo.

Antonio Pérez destaca que neste último ano se levaron a cabo avances como o proxecto de construción da fábrica de almidón nunha parcela de 70 mil metros no polígono industrial de Xinzo. Outro dos logros que se atribúe a nivel emprego é a posta en marcha do supermercado Mercadona do que darán comezo as obras o vindeiro 15 de xuño agora que xa dispoñen da licenza municipal. "Suporá a creación de máis de 30 postos de traballo na zona é o importante xerar emprego e darlle vida ó polígono nesa liña imos seguir traballando", sinala.

O Concello ten que facer fronte agora ós traballos de mellora da piscina municipal onde as herbas medran e a auga atópase en mal estado. Segundo o alcalde de seguido comezarán as labores de limpeza pois está previsto que as instalacións abran ó público a vindeira semana. No que xa están avanzando é no futuro do edificio no que se atopa a cafetería e os vestiarios da piscina. "A construción foi feita polo anterior alcalde e agora tratamos de aproveitalo de algunha maneira, estamos mirando de darlle contido ou ben coa propia piscina ou ben para algunha asociación ou outro servizo municipal" sinala o rexedor.

O que si está en marcha é a mellora do parque infantil do Toural, unha vella demanda da veciñanza.

parque

Os operarios xa traballan na zona onde se van instalar novos xogos como un tobogán pechado entre outros. Así mesmo levarase a cabo o arranxo da fonte. O prazo previsto para rematar as obras é o 10 de xuño. O seu custe é de 50.000 euros que proceden dunha subvención da Deputación de Ourense.

Esta nova etapa da lexislatura á que fai fronte Antonio Pérez contempla un ambicioso proxecto para acondicionar o río Limia ó seu paso pola vila. Trataríase de levar a cabo a dragaxe do mesmo, isto é limpar a zona para evitar a acumulación de maleza e a creación de pequenas illas no seu caudal. O proxecto atópase en fase de redacción.

De cara as vindeiras eleccións xerais do 26 de xuño o rexedor de Xinzo ten as cousas claras "o que espero é que haxa goberno porque esta paralización é moi negativa e tódolos líderes se teñen que por un supenso sobre todo por este novo gasto que temos que asumir coa nova convocatoria". En canto a resultados pronostica o triunfo do Partido Popular, unha caída considerable do PSOE e unha suba de Podemos "moi ó meu pesar", matiza Antonio Pérez.