Aprobado definitivamente o orzamento de Xinzo para o 2021

IMG_20210415_093755
Aprobado definitivamente o orzamento de Xinzo para o 2021

Os informes dos técnicos rexeitaron as alegacións presentadas polos sindicatos.O concelleiro de facenda manifestou que as arcas municipais, non dan para as pretensións dos sindicatos.

O Concello de Xinzo de Limia vén de aprobar en pleno o orzamento do 2021, que o grupo de goberno cualifica como o máis ambicioso dos últimos anos, e que a oposición non dubidou en dicir que eran os menos sociais.

                               As contas, que ascenden a 8 millóns de euros, teñen o capítulo de inversión máis alto da historia e redundarán na calidade de vida dos veciños e nos colectivos máis afectados pola crise actual. Así o recalcou a alcaldesa Elvira Lama: “Este goberno está facendo todos os esforzos para axudar á hostalería, empresarios ou autónomos e así o seguiremos facendo mediante as modificacións de crédito que sexan pertinentes”. Ademais, a rexedora insistiu en que “as axudas non só se miden en cartos, senón que moitas veces tamén en iniciativas, en mellorar infraestruturas ou en acompañar aos veciños en peticións ante outras administracións”.

Máis en concreto, o orzamento ascende a 8 millóns de euros en canto ao capítulo de gastos e a 8.476.000 no capítulo de ingresos. A diferenza entre ambas cantidades responde ao plan de axuste ao que está sometido o Concello debido á delicada situación económica na que se atopaba. Neste sentido, o Ministerio de Facenda fixo a recomendación de reducir un 3% os gastos de persoal e corrente. No que se refire ao capítulo de inversión real, este ascendería a un total de 962.750 euros. A esta cantidade sumaríanse as axudas para asociacións e entidades ou ao fondo de continxencias. Na sesión plenaria de esta mañá , as contas aprobáronse definitivamente cos votos favorables de todos os partidos con representación na corporación municipal, agás o PP.