O arranxo de pistas en Xinzo, paralizado porque o Concello de Xinzo non achega a documentación

Fachada DPOU
O arranxo de pistas en Xinzo, paralizado porque o Concello de Xinzo non achega a documentación

O deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, amosa o malestar da Deputación "porque o Concello de Xinzo queira vender como un logro un incumprimento pola súa banda, xa que non hai ningún convenio asinado e non hai ningunha actuación nin programada nin presupostada"

O deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez amosou o malestar da Deputación de Ourense co Concello de Xinzo de Limia "por difundir noticias que non se axustan á verdade ao dar por feito o procedemento para o arranxo de diversas pistas no municipio de Xinzo, cando a realidade é que o expediente está paralizado porque falta documentación que ten que aportar o propio concello". Pablo Pérez sinala que o expediente 1351D/2021 é unha tramitación aberta, trala petición do Concello de Xinzo para facer o bacheo dunha serie de pistas, pero aínda non está autorizado". Neste sentido, matiza que a Deputación "lle fixo un requerimento o pasado 27 de abril ao Concello de Xinzo, ao cal non respondeu, e debido a isto, neste momento, é un expediente paralizado, non hai ningún convenio asinado e non hai ningunha actuación nin programada nin presupostada". O Concello de Xinzo quere vender como un logro un incumprimento pola súa banda".

"Si lle dixemos que priorizara, xa que non se poden facer todas as actuación debido á magnitude delas, en relación ás pistas que considera que se deben arranxar; esta é unha das accións máis demandas á Deputación por parte dos concellos da provincia, e por este motivo é necesario priorizar, e así se lle dixo ao Concello de Xinzo", afirma Pablo Pérez, quen concreta que, neste momento, na Limia, "a Deputación ten feito bacheos en Rairiz de Veiga, iremos a Porqueira e tamén á Baixa Limia e á zona de Monterrei. A demanda de traballo é moita e temos que repartir e programar para que esta acción poida chegar a todos os concellos e vías provinciais", remarca.