O artista Cristian Fojón, gañador do Premio Carlos Casares-Kristina Berg, contaxiou a súa paixón polo cómic aos alumnos do IES Lagoa de Antela

cómic
O artista Cristian Fojón, gañador do Premio Carlos Casares-Kristina Berg, contaxiou a súa paixón polo cómic aos alumnos do IES Lagoa de Antela
O ilustrador impartiu unha charla na que explicou as técnicas básicas para a consecución dun bo traballo de banda deseñada

Cando Cristian Fojón Caruncho gañou o Premio Carlos Casares-Kristina Berg ao talento activo, organizado pola Fundación Carlos Casares, o xurado non dubidou en destacar non só a súa técnica depurada, senón tamén o estilo co que trata ao rural galego na modernidade dun cómic. O artista impartiu esta mañá unha charla no IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia, contaxiando aos estudantes a súa paixón pola banda deseñada. A este encontro asistiu a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez.

Os mozos escaparon da rutina e observaron de cerca a súa obra. Ademais, puideron coñecer as orixes da vocación deste ilustrador natural de Ortigueira, un fermoso lugar que inspirou parte da súa obra. Precisamente algún dos carteis do famoso festival que se celebra neste municipio leva a súa firma. Cristian Fojón tamén compartiu cos mozos algunhas das técnicas básicas para a consecución dun bo cómic, ilustracións e carteis de festivais musicais ou festas históricas. A súa paixón vai más alá, ata o punto de que domina o mundo da animación.

Unha exposición para traballar cos estudantes

"As caras dos libros. Deseño de cubertas no obra de Carlos Casares". Este é o título completo da exposición promovida pola Fundación Carlos Casares e que recolle as carátulas de todos os libros do escritor natural de Xinzo de Limia con datos explicativos de cada portada. O alumnado traballará unhas guías didácticas sobre a mostra e somerxerase así en cada un dos seus traballos.