A Asociación Animalista Libera rexeita a chegada dun circo a Xinzo de Limia

animais
A Asociación Animalista Libera rexeita a chegada dun circo a Xinzo de Limia

A chegada dun circo a Xinzo de Limia está prevista para estes últimos días de outubro. A Asociación Animalista Libera rexeita a súa estancia e pídelle á corporación local o debate dunha moción para que a vila sexa declarada "libre de circos con animais".

Esta asociación que defende ós animais son moi críticos con este tipo de actividades que fan uso da fauna silvestre en cautividade para ser empregada en espectáculos. Dende Libera sinalan que "supón un trato antinatural dos animais e cuxa vida está chea de problemas, tal e como sinalan os estudos internacionais elaborados ó respecto". Engaden que "estas empresas aproveitan o actual vacío legal autonómico para seguir mantendo fauna silvestre en cautividade".

Segundo recollen varios medios, a empresa que xestiona o circo que estará por Xinzo estes días, xa tivo problemas noutros municipios. O máis recente en Chantada onde rexistraron a solicitude de instalación pero que non incluía a relación de animais que alberga, feitos que foron denunciados por diferentes grupos políticos. Tamén se lle abriron expedientes sancionadores noutros lugares como en Mugardos.

Os datos que manexan na Asociación Animalista Libera é que hai xa 53 concellos galegos que aprobaron mocións contra o uso de animais en circos e a súa publicidade no mobiliario público. Agora agardan que en Xinzo de Limia se tome tamén esta decisión. Unha boa ocasión pode ser no pleno municipal que se celebra na vila as 11h deste xoves.