Axudas de ata 70€ para compra de material escolar

aula-infantil
Axudas de ata 70€ para compra de material escolar
Por parte do concello de Xinzo para o alumnado de infantil

Que a costa de setembro sexa menos empinada para as familias de Xinzo de Limia. Este é o obxectivo do Concello, que vén anunciar, a través dun bando informativo, que ofrecerá axudas para adquisición de libros de textos e material escolar a alumnos matriculados en centros docentes públicos para o curso 2021-2022. As subvencións destínanse a escolares de educación infantil (de 3 a 5 anos), toda vez que os bonos da Xunta de Galicia non cobren a este grupo de idade. Deste xeito, os fondos chegarán a un maior número de beneficiarios nunha época na que son moitos os veciños que sofren as consecuencias da crise económica que trouxo consigo a pandemia.

Ás axudas poderán acollerse aquelas familias que non superen un determinado nivel de renda e cumpran as restantes condicións que se determinarán na convocatoria. O Concello de Xinzo de Limia informa tamén de que para solicitar a subvención será necesario aportar, xunto coa restante documentación que nas bases se indique, as facturas xustificativas da compra de libros e material escolar. A subvención máxima por neno será de 75 euros.

O executivo local fai, unha vez máis, unha aposta decidida por axudar ás familias que máis o necesitan. Nesta liña, nos últimos meses anunciáronse varias convocatorias de axudas para autónomos e estase a traballar día a día para colaborar cos colectivos máis vulnerables.